Anuncios
Ticker de novas

Arranca a sexta edición de Bai de Tapas con 20 locais e 40 propostas gastronómicas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona xa saborea as delicias que este ano presenta a nova edición do concurso gastronómico Bai de Tapas. O alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Turismo e Consumo, Beatriz González; o presidente de Aceba (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona), Marcos Comesaña, e os representantes das bodegas HGA e Pernod Ricard, Iago González e Constantino González, respectivamente, presentaron este xoves o certame no restaurante “La Crep”, gañador o ano pasado.

“O listón está moi alto pero os nosos hostaleiros demostrarán outra vez do que son capaces e confiamos en que os 20 locais participantes traballen para que esta sexta edición do Bai de Tapas repita o éxito obtido en anteriores ocasións, con preto de 30.000 tapas vendidas”, afirmou a concelleira.

O VI Concurso “Bai de Tapas” se celebrará entre o 11 de maio e o 4 de xuño e, como en anos anteriores, cada establecemento poderá presentar entre 1 e 3 tapas, que ofrecerá a un prezo de 2 euros (3,5 cun viño dos colaboradores: Albariño Albanta, Mencía Vía Imperial ou Rioja Campo Viejo).

O Premio á “Mellor Tapa” resultará de todas as votacións realizadas polos consumidores das tapas nos establecementos. Cada participante deberá votar a tapa ou tapas de, como mínimo, o 30% dos locais participantes, valorando de 0 a 10, e onde lle porán o selo de cada local. Unha vez conseguidos os selos necesarios e puntuadas as tapas poderán deixar as súas votacións, xunto cos seus datos persoais, nas furnas e caixas de correo habilitadas para tal fin, e así optar aos premios que reparte cada establecemento entre os votantes.

Nesta edición participarán un total de 20 establecementos de Baiona e Sabarís que prepararán 38 propostas gastronómicas. Na presentación deste xoves, o restaurante “La Crep” mostrou as súas apostas, que son dous pinchos co nome de “La Lata” e “Vientos Alisios de La Crep”. A espectacular presentación de ambas as dúas receitas acaparou a atención de todos os convidados e o restaurante postúlase novamente para gañar, por terceira vez, o Bai de Tapas.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a participación de todos os hostaleiros no concurso e convidou aos baioneses e visitantes a probar as tapas deseñadas nesta ocasión. “O certame xa é unha referencia en toda a comarca e significa unha demostración máis da nosa aposta pola calidade”, explicou.

Os representantes das bodegas colaboradoras, Iago González (Bodegas HGA) e Constantino González (Pernod Ricard Bodegas), amosaron a súa satisfacción por poder participar no VI Concurso Bai de Tapas e tamén destacaron a calidade e orixinalidade das propostas gastronómicas.

Os 20 locais participantes nesta sexta edición de Bai de Tapas son: A de Sabas, Acuarela C.B., Bar Xacoba, Bar Élysées, Bodega Queimada, Cafetería Anunciada, Cafetería Restaurante Monterrey, Central Park, Estación Marítima, La Crep, La Micro Baiona, La Paleta del Pintor, Liceo Marítimo de Baiona, Mesón Jamonería Fidalgo, Parador Nacional Conde de Gondomar, Pulpería Balneario, Recuncho Mariñeiro, Restaurante el Túnel, Sidrería Estrella Baiona e Tartana.

ARRANCA A 6ª EDICIÓN DE BAI DE TAPAS

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Anuncios