Anuncios
Ticker de novas

O BNG demanda a supresión dos bolardos de Julián Valverde sen substituílos “por un novo foco de conflito”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Avda. Julián Valverde de Sabarís.

O Bloque Nacionalista Galego asegura que unha vez máis o Goberno municipal do Partido Popular en Baiona demostra realizar unha política de dar tumbos e non ter unha idea clara e definida da Baiona que debe ser. “Desta vez rebélanse creadores dun novo conflito na regulación de usos da avenida de Julián Valverde en Sabarís”.

A mellora da Avenida Julián Valverde foi un proxecto impulsado e presentado polo Bloque Nacionalista Galego que o Partido Popular adoptou, mais con deficiente execución. Non contentos con executar problematicamente as obras na súa primeira fase, cos conseguintes prexuízos sen compensación para o comercio da zona, colocaron uns bolardos disuasorios que resultaron ser unha fonte de conflitos.

A idea orixinal por parte do BNG para a mellora do entorno era transformar unha estrada dedicada ao tránsito de vehículos co fin de crear unha avenida para o uso e desfrute peonil, ao mesmo tempo que se aplicaba unha adecuación á celebración do mercado semanal.

Toda adecuación de avenidas, denominada habitualmente humanización, leva unha serie de actuacións paralelas para que o cambio na súa concepción sexa progresiva e non xere tensión entre vehículos, transeúntes e comercio.

Xa que logo, a instalación de bolardos disuasorios non é máis cun parche debido a que o goberno do Partido Popular ten unha concepción negativa da mentalidade do veciño, sumado á falta de formación e información a todos os afectados e afectadas.

O Bloque Nacionalista Galego si que ten claro cal é o modelo da Baiona que debe ser. Por iso demanda do Goberno municipal que suprima todas as barreiras na Avenida Julián Valverde e non as substitúa por un novo foco de conflito, senón pola concienciación colectiva na que se integren colectivamente a veciñanza, a pé ou en vehículos rodados, e o comercio tanto local como ambulante. Só así esta avenida poderá converterse nunha arteria dinamizadora da parroquia de Santa Cristina.

Anuncios