Anuncios
Ticker de novas

Inscricións abertas para participar no Campamento Urbano Gondoverán 2017

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar, a través do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha por sexto ano consecutivo o campamento Gondoverán, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.

Gondoverán é un campamento de lecer e tempo libre para fillas e fillos de familias traballadoras, ademais dunha medida municipal de conciliación de promoción autonómica, validada como tal pola Secretaría Xeral de Igualdade no 2012.

Polo tanto o seu obxectivo é o de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo en horario de 9 a 14 horas con posibilidade de 8 a 15 horas, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral da nena/o a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.

Contarase con 100 prazas para rapaces e rapazas que teñan o seu empadroamento no Concello de Gondomar nados entre os anos 2004 (non poderán facer 13 anos antes da finalización do campamento) e 2014 (deberán ter feitos 3 anos ao inicio do campamento) e cuxos proxenitores sexan persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia). En caso de quedar prazas libres serán admitidos/as doutros concellos, con preferencia de aqueles cuxos proxenitores sexan traballadores no municipio de Gondomar. Estas prazas serán adxudicadas por orde de entrega de documentación a través do Rexistro no Concello ou na sede electrónica.

O prezo será de 65€ neno/a. A inscrición realizarase do 10 ao 19 de maio a través do Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 14 horas ou ata as 24 horas a través da Sede Electrónica.

Para calquera dúbida os/as interesados/as poderanse dirixir ao CIM, na Casa da Cultura, nos teléfonos 986 389 355/986 360 224 ou no seguinte correo electrónico: aio@concellodegondomar.com.

Anuncios