Carlos Casares chegará aos fogares na bolsa da compra para festexar as Letras Galegas

FOTO: XUNTA DE GALICIA

O autor homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) con motivo deste 17 de maio, Carlos Casares, chegará desde hoxe aos fogares galegos na bolsa da compra de Vegalsa-Eroski para festexar as Letras Galegas. A compañía galega de distribución alimentaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística lanzan por sétimo ano unha campaña especial conmemorativa que arranca desde o ámbito socioeconómico e que despregará, ademais de dous millóns e medio de bolsas de edición especial e 500 carteis para difundir nos seus supermercados a figura do anfitrión.

Ámbito estratéxico para a promoción do uso da lingua galega

“O da empresa e o do comercio é un ámbito estratéxico na promoción do uso da lingua galega. Por iso a Xunta de Galicia está desenvolvendo o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico que busca, dunha banda, a creación de oportunidades que lle permitan á sociedade progresar mediante a xeración de riqueza; doutra, velar pola viabilidade presente e futura do noso ben patrimonial máis prezado: o galego. Uns obxectivos que non só non son incompatibles, senón que se apoian e retroalimentan”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a súa intervención.

Lingua e responsabilidade social empresarial

García Gómez sinalou tamén que “Vegalsa-Eroski é unha empresa que mostra sensibilidade, responsabilidade e intelixencia, pois é un referente no uso da lingua propia de Galicia, na etiquetaxe dos produtos, na rotulación dos seus supermercados, na publicidade ou na información ao consumidor.

“Carlos Casares, estou seguro, estaría de acordo con esta proxección do galego ao ámbito empresarial e con esta colaboración público-privada, pois sempre foi partidario de estender o uso e a defensa do noso idioma fóra dos ámbitos exclusivamente intelectuais”, concluíu.

Carteis e bolsas para conmemorar as Letras Galegas

Unha tirada de 500 carteis dunha das dez imaxes que integran a mostra “Carlos Casares, un escritor desta galaxia” -coa que o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña se fixo este ano co Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017- e dous millóns e medio de bolsas de edición especial contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra.

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

Desde o pasado 2016 a Xunta de Galicia conta cun instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. Este plan, ao que a Consellería de Cultura e Educación lle dedicará máis de 5 millóns de euros, desenvolve por primeira vez desde a Administración autonómica as directrices para este sector establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega .

O documento, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, foi acordado e completado coas achegas de 314 axentes implicados no sector económico, ademais da RAG e do Consello da Cultura.

Anuncios