Anuncios
Ticker de novas

“As Culebrinas. Periplo dun rescate” pecha a segunda edición de “A Mar de Historias”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // As Culebrinas achadas en Cabo Silleiro.

A segunda edición do programa divulgativo “A Mar de Historias” finaliza este venres 12 de maio coa charla “As Culebrinas. Periplo dun rescate”. Nesta ocasión, Pedro Novalbos, submarinista e descubridor dos canóns, e Ramón Patiño, arqueólogo e historiador, dialogarán sobre o seu achado en 1986 e as súas posibles interpretacións.

A conferencia, que comezará ás 20:00 horas no Auditorio da Casa-Museo da Navegación, pecha a serie de encontros entre o público e autores, investigadores e creadores organizados pola Concellería de Cultura de Baiona, nos que contaron os seus traballos, obras ou estudos sobre temas relacionados coa localidade, e que se celebraron desde o pasado mes de febreiro cunha periodicidade mensual.

É difícil imaxinar os tesouros que agocha o mar nas súas profundidades, pero para un submarinista incansable como Pedro Novalbos, un aliciente para mergullarse. O 10 de setembro de 1986 descubría dous lixeiros canóns do século XVI nas inmediacións de Cabo Silleiro que hoxe se conservan no museo baionés e que son obxecto de estudo e investigación. Culebrinas ou falconetes, aínda está por discutir, pero o que si é certo é a insistencia do seu descubridor en expoñelos nunha institución pública polo seu evidente valor patrimonial.

Pola súa parte, Ramón Patiño, membro do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, dedicado á investigación arqueolóxica dentro do Servizo de Arqueoloxía do Museo Provincial de Pontevedra e gran coñecedor do patrimonio arqueolóxico submariño de Galicia, propón unha lectura da aventura do achado e as súas posibles interpretacións. Autor de publicacións como “Catalogación de xacementos submariños nas costas galegas” e “Naufraxios nas costas galegas”, desenvolveu unha explicación para os canóns de Cabo Silleiro en relación á historia das rutas comerciais no sur das costas galegas.

Anuncios