A Concheira consegue por primeira vez a bandeira azul, xunto coa Barbeira, Os Frades e A Ribeira

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, valorou este mércores os catro galardóns recibidos polas praias da Vila e os outros dous que recibiron tamén os seus portos deportivos, ademais do concedido ao sendeiro litoral. “Para Baiona é un orgullo que se recoñeza a calidade das nosas augas e demostra o bo traballo feito durante os últimos anos dende a Concellería de Medio Ambiente”, afirmou o rexedor.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) concedeu a súa distinción de bandeira azul ás praias de Barbeira, Os Frades, A Ribeira e A Concheira, ademais de premiar tamén co mesmo galardón ao Monte Real Club de Yates e ao Porto Deportivo de Baiona. Desta forma a Vila logra o maior número de areais premiados e por primeira vez na súa historia logra una bandeira azul para A Concheira.

Ángel Rodal destaca a importancia da posta en marcha da depuradora. “Grazas á EDAR de Cabo Silleiro mellorou considerablemente a calidade das nosas augas e este premio vén a confirmar o acerto”, explica o alcalde. Rodal tamén destaca a importancia dos galardóns nun municipio no que o turismo é un dos piares fundamentais. “Na Concheira comezou a historia do turismo en Baiona, cando existía na zona un balneario, e agora damos un paso máis adiante no turismo de calidade que queremos ofrecer aos nosos veciños e visitantes”, explica.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, apunta que o feito histórico de conseguir as catro praias semiurbanas de Monte Boi e a do Monte Real Club de Yates. “No ano 2015 tivemos dúas bandeiras, en 2016 recibimos tres e agora logramos as catro que rodean a Fortaleza, ademais das dúas dos portos deportivos. Sen dúbida é un premio moi importante para todos os traballadores municipais que durante todo o ano miman con moito cariño as nosas praias para que estean sempre nas mellores condicións”, sinala a responsable de Medio Ambiente.

“Estas bandeiras son un recoñecemento pero tamén significan servizos e calidade, dúas facetas nas que Baiona se distingue dende hai anos e que xa quedou patente nos premios recibidos hai tan só uns meses na Feira Internacional de Turismo de Madrid”, engade María Iglesias.

Ademais das catro bandeiras azuis para as praias e as dúas para os portos, Baiona tamén renovou o galardón para o seu sendeiro litoral.