Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acada a bandeira azul en Panxón, que se suma á de Patos e Praia América

FOTO: PEPE COSTAS

O Concello de Nigrán suma a Praia América e Patos o areal de Panxón como praia con bandeira azul, distintivo onde non ondeaba dende o ano 2010. O goberno logra así as tres enseñas que solicitara a ADEAC tras comprobar que gozaba dunha cualificación anual “Excelente” das súas augas, requisito indispensable para optar a ela. Panxón non luce esta enseña dende 2010 precisamente por este motivo, xa que aínda que os resultados acadados nese tempo a certificaban como “Boa” non tiñan o nivel de “Excelente” esixido e que en 2016 si obtivo.

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, no seu informe anual de “Vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia” de 2016, outorgou esta categoría máxima ás augas tamén a Praia América, Patos, Madorra e Area Fofa (Monteferro), un resultado histórico para o municipio.

“O resultado obtido vén a corroborar o bo traballo feito dende o Concello e Aqualia no seu plan para acabar con todas as verteduras e o noso traballo a prol do medio ambiente”, sinala o alcalde, Juan González. Neste senso, o Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, emprendeu un plan de inspección e reparación dos colectores de saneamento das zonas onde se detectaron verteduras de augas residuais ao mar. Estas actuacións se levaron a cabo a tenor do “V Plan de Control de Verteduras” emitido por Augas de Galicia o 26 de setembro, informe onde se sinalaban catro puntos negros no municipio e que xa están liquidados. Así, detectáranse problemas nos colectores do entorno das praias de Patos, Madorra e As Canas e no esteiro de A Foz (no entorno da Alameda Aqualia asumiu obras de reparación por valor de 80.000 euros).

Ademais das bandeiras azuis de Patos e Praia América (aquí ondea dende hai 25 anos consecutivos) o municipio goza de catro bandeiras Ecoplayas, sendo Praia América a primeira en obter este certificado en 2010 (o mesmo ano en que naceu ATEGRUS “Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente”, quen as outorga) no 2011 sumouse Panxón, no 2012 Patos e no 2013 Area Fofa. Dende entón as catro manteñen este distintivo grazas á política de conservación dunar, ás actividades medioambientais e deportivas que nelas teñen lugar ou a conservación do entorno natural.

Anuncios