Os praceiros de Gondomar esixen que se garantan os seus postos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os praceiros de Gondomar concentráronse este xoves fronte ao Concello para mostrar o seu malestar ante a licitación de 28 dos 29 postos da Praza de Abastos Municipal, sen que se teña en conta a súa antigüidade.

Portaban carteis reivindicativos que logo colocaron na porta de entrada ao Consistorio, nos que se podía ler “O noso futuro é incerto”, “Non temos que pagar os vosos erros. SOS Políticos”, “Ningún alcalde meteuse connosco en corenta anos”, “Antón dimite a Praza non te admite”, “Queremos a garantía dos nosos postos”, “Porque os praceiros temos voz e voto, non vos imos a deixar xogar co noso pan” e “Solución xa”.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 25 de abril incluía o anuncio para a concesión de 28 postos da Praza Municipal, 4 de carnicería, 11 de peixaría, 1 de froitas e verduras e 12 postos libres.

Establécese como prezo mínimo de licitación entre os 155 e os 228 euros dependendo do posto, para un prazo ordinario de concesión de 10 anos, ampliable por prórrogas sucesivas de 5 anos, ata os 25 para persoas xurídicas e ata os 50 anos ou ata a xubilación para persoas físicas.

“Agora queren legalizar todo e supostamente é licitar, entón ata agora estaban a pagar alugueres ilícitos?”, pregúntanse os afectados, que sinalan que non é xusto que se poxe unha carnicería, unha peixaría ou unha froitería que leva funcionando desde fai 30, 40 ou 50 anos, habendo postos libres sen ocupar desde hai moito tempo.

“Nós estamos de acordo con pagar as taxas correspondentes, pero que non se saquen a poxa a sobre, que é o que máis dea o que llo leva. Dannos unha garantía de puntos, pero que che garanten 15 puntos?. Vén unha persoa con 15.000 euros e xa está por encima de ti. O que queremos é pedir unha garantía dos nosos postos e despois que poxen os que quedan libres, que é media Praza”, engaden.

Segundo sinalan, o concelleiro de Comercio dilles que non é legal facer iso, polo que solicitan que “garántannolo legalmente, só polo feito de estar a pagar un aluguer, que non veña calquera a querer o meu posto porque é o que mellor funciona ou que mellor situado está, pero porque fai 30 ou 40 anos que estou eu nel”.

Así mesmo recoñecen estar de acordo coa regularización e dinamización da Praza de Abastos para mellorar, pero respectando os postos antigos que levan toda a vida, algúns deles reformados e acondicionados por eles mesmos, como o aceiro, as cámaras frigoríficas…

“Se queren poñer produtos novos hai postos libres. Estando as cousas como están, non se pode xogar co pan das familias, hai que falar coa xente antes de tomar decisións e acordar”.

Finalmente, critican a falta de información e advirten que dependendo dos resultados das reunións que se manterán co alcalde, Paco Ferreira, continuarán coas mobilizacións. “O problema foi a falta de comunicación”, conclúen.