Axentes da Garda Civil mostran o seu traballo diario no Centro Juan María de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Axentes da Garda Civil visitaron este venres o Centro Juan María de Parada, en Nigrán, para mostrar aos usuarios o material que utilizan na súa xornada diaria, con representación de Tráfico, o SEPRONA e o Servizo de Seguridade Cidadá.

Os mozos e mozas do Juan María puideron subirse aos coches e motos, poñerse un chaleco antibalas, ou activar e desactivar os sinais luminosos e as sirenas dos vehículos, e coñecer así de preto o labor dos axentes.

A exhibición estivo precedida dunha charla informativa na que dous axentes do Posto Principal de Baiona-Nigrán falaron sobre os riscos da internet e as redes sociais, dándolles pautas de comportamento ante calquera situación.

Para finalizar a xornada, un can adestrado para atopar explosivos fixo unha demostración aos usuarios do centro.

A actividade está enmarcada no Plan Director de Convivencia que desenvolve a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra en distintos centros educativos da provincia. Os axentes destacaron que o obxectivo principal é compartir un día cos usuarios do Centro Juan María.