Anuncios
Ticker de novas

O Pleno de Baiona aproba por unanimidade a nova ordenanza de Axuda no Fogar

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Pleno Municipal do Concello de Baiona aprobou este xoves por unanimidade a ordenanza do Servizo de Axuda no Fogar e Teleasistencia Domiciliaria, así como a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia.

A Corporación, tamén por unanimidade, deu o visto bo a dúas mocións para a recuperación do antigo Hospital do Rebullón e para firmar o convenio coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que dea cobertura a familias en situación de vulnerabilidade fronte ás empresas subministradoras de enerxía. Ademais, o Pleno procedeu á aprobación definitiva dos Orzamentos de 2017 cunha cifra de 8,5 millóns de euros.

A sesión plenaria e ordinaria do mes de maio do Concello de Baiona celebrouse este xoves con tres importantes medidas de carácter social. Por unha banda, aprobouse a Ordenanza Municipal do Servizo de Axuda no Fogar que regula os requisitos e condicións da prestación.

Segundo a nova normativa, e tal e como explicou a concelleira de Servizos Socias, Carmen Paredes, o servizo poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia, para cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.

Na mesma sesión, todos os grupos municipais estiveron de acordo na aprobación da moción de Esquerda Unida para reclamar a recuperación do antigo Hospital do Rebullón para servizos sociais. Tamén saíu adiante a moción do PSOE instando ao goberno local a firmar o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias e as empresas subministradoras de enerxía nos casos de persoas ou familias en situación de vulnerabilidade ou urxencia social.

Anuncios
error: Content is protected !!