Sin categoría

Detido o suposto autor de roubos en vehículos en Baiona e outros municipios da provincia

A Garda Civil detivo a un veciño de Vigo, A.C.F., de 46 anos, ao que se lle acusa de cometer máis dun centenar de roubos en vehículos estacionados en garaxes comunitarios.

A investigación iniciouse debido ao considerable incremento dos roubos que se estaban producindo durante os dous últimos meses (abril e marzo) no interior de vehículos que se atopaban estacionados en garaxes comunitarios en distintas localidades da provincia de Pontevedra, concretamente en: Moaña, Cangas, Poio e Baiona.

Os primeiros roubos producíronse a mediados do mes de marzo en Poio, onde desvalixaron un total de 27 vehículos que se atopaban en varios garaxes situados en diferentes rúas do municipio. Unha semana máis tarde producíronse outros 19 roubos en sete garaxes distintos situados en céntricas rúas da localidade de Moaña.

O mes de abril prodúcense, en dúas datas distintas, outras dúas avalanchas de roubos de similares características. A primeira en Cangas, onde se rexistraron 22 roubos en 12 garaxes, nos que outros 25 resultaron con danos materiais. A segunda e última rexistrouse a semana seguinte en Baiona, con 12 denuncias pola subtracción de efectos no interior doutros tantos vehículos.

As investigacións realizadas conxuntamente polos Postos Principais da Garda Civil de Cangas e Baiona-Nigrán foron determinantes para chegar á identidade e detención do presunto autor e reunir os indicios, suficientes para relacionalo con todos os roubos investigados, 105 en total.

As probas indiciarias que levaron á identificación e detención do autor xurdiron por mor das imaxes gravadas a través das cámaras de vídeo vixilancia dalgúns garaxes da localidade de Cangas, dos testemuños obtidos, que recoñecen ver a esta persoa en moitos dos garaxes afectados e tamén da súa peculiar forma de actuación.

Modus operandi

Da análise pormenorizada dos roubos investigados cabe destacar, en primeiro lugar, que todos se cometeron durante os fins de semana ou en vésperas de días festivos.

En segundo lugar, chamou especialmente a atención o meticuloso coidado que tiña esta persoa, que sempre actuaba só, para a apertura dos vehículos tratando de causar o menor dano posible. A maior parte das veces fracturaba os cristais máis pequenos dos portelos para logo acceder aos mandos de apertura das portas e noutras o facía mediante o apalancamento das lúas cun desaparafusador.

O obxectivo primordial dos roubos era o diñeiro en metálico que destinaba para satisfacer as necesidades que lle ocasionaba a súa afección ao xogo, sen prexuízo de que nalgunhas ocasións chegou á subtracción de pequenos obxectos que atopaba no interior dos vehículos.

O suposto autor dos feitos, que conta cun amplo historial delituoso, tamén por roubos en interior de vehículos, foi detido á primeira hora da mañá de onte cando saía do seu domicilio en Vigo, acusado dun delito continuado de roubo.

Está previsto que durante a xornada de hoxe pase a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo.