24 horas correndo polo alzhéimer en Praia América

O gondomareño Daniel Fernández Cerzón afrontará este venres o primeiro dos retos deportivos solidarios que levará a cabo nos próximos meses para visibilizar o alzhéimer e recadar fondos para a asociación AFAGA Vigo, que se dedica a tratar esta enfermidade así como facer diversas actividades e obradoiros por toda Galicia co fin de frear ou diminuír os síntomas desta doenza que desgraciadamente cada día é máis común.

Os 3 retos estarán relacionados co atletismo de ultra distancia así como co ciclismo. O primeiro comezará o venres 5 de maio ás 12:00 horas e consistirá en nin máis nin menos que 24 horas correndo polo alzhéimer. Terá lugar no Paseo de Praia América, en Nigrán, por un circuíto de 5 km. entre ida e volta e no que espera completar un mínimo de entre 110 e 120 km, “e sobre todo visibilizar esta enfermidade e poñer o meu granito de area para facerlles máis fácil e levadía esta doenza a algunhas persoas que a padecen”.

Todos os que queiran compartir algúns quilómetros con Daniel correndo ou andando poderán facelo. Nun punto do paseo haberá un arco de meta no que estará situado o avituallamento e un peto no que se poderán facer as achegas. Tamén está dispoñible un número de conta no que se pode doar calquera cantidade por moi pouco que sexa: laCaixa IBAN ES56 2100 4080 1122 0012 1884.

Daniel xa realizou o pasado ano 3 retos deportivos solidarios a favor de ANEDIA, unha asociación de diabetes infantil de Galicia, e nos próximos meses quere escribir un segundo capítulo para este libro de solidariedade. “Este capítulo titulareino ‘Reta 3 Móvete polo alzhéimer”, e os seus protagonistas son todas esas persoas que padeceron ou padecen alzhéimer así como os familiares que se fan cargo deles”, afirma.