O Parador de Baiona estrea nova sinalización histórica tras duplicar en abril a súa ocupación

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Francisco José Plaza, director do Parador, e Ángel Rosal, alcalde de Baiona, este martes durante a colocación da nova placa indicativa.

O Parador Conde de Gondomar de Baiona estreou este martes unha nova sinalización histórica na súa entrada. A instalación da placa por parte do Concello prodúcese tras un excelente mes de abril de ocupación para o establecemento hoteleiro, posto que duplicou as súas cifras respecto ao mesmo mes do ano 2016.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o director do Parador, Francisco José Plaza, asistiron este martes á colocación dunha placa con datos históricos da Fortaleza de Monterreal. A inscrición de bronce ofrece información aos visitantes sobre monumentos como a muralla transitable de máis de tres quilómetros, a Torre do Príncipe (século X), a Torre da Tenaza (s. XV), a Torre da Homenaxe s. XV), a Casa de Pedro Madruga (s. XV), as portas do Sol e Real (século XVI), o Pozo e Cisterna (s. XVI), a bóveda da Capela de San Francisco (s. XVII) e a Porta de Felipe IV (s. XVII).

“Esta nova peza vén a poñer en valor as xoias que poden encontrar os nosos visitantes e difunden as principais características dos monumentos que todos os baioneses podemos desfrutar a diario”, apuntou Ángel Rodal.

Pola súa banda, o director do Parador destacou o bo momento de afluencia turística polo que pasa Baiona. “Durante este mes de abril que xa rematou duplicouse a ocupación do Parador (conta con 122 habitacións) respecto ao ano pasado e as perspectivas para os próximos meses son moi boas”, explicou Francisco José Plaza tras engadir que durante a Semana Santa e a ponte do Primeiro de Maio estiveron ao cen por cen de ocupación.

O Concello de Baiona xa instalou o pasado mes de abril unha placa de bronce na ponte da Ramallosa na que lémbrase a súa construción no século XIII. Despois do Parador, tamén se colocará outra sinalización semellante na igrexa de Santa Cristina da Ramallosa.

No caso da Fortaleza, a sinalización destaca a súa construción no coñecido como Monte Boi. Hai 520 anos, o 15 de xaneiro de 1497, os Reis Católicos concedían a Baiona a Carta Puebla que incluía numerosos privilexios e o Monte Boi pasaba a denominarse Monte Real.

Pola súa banda, a placa da Igrexa Parroquial de Santa Cristina da Ramallosa lembra a súa construción no ao 1917, sendo o párroco Francisco Senra Díez e Bispo de Tui, Leopoldo Eijo Garay.