O Oral Group Galimplant conquista o Trofeo Repsol

FOTO: ROSANA CALVO // Pedro Pazos e a tripulación do Oral Group recollendo o gran premio do Trofeo Repsol.

O Oral Group Galimplant do Real Club Náutico de Sanxenxo conquistou esta tarde en Baiona o Trofeo Repsol, na cuadraxésima edición da tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates.

Cun terceiro posto logrado na xornada do sábado e a suspensión da regata do domingo, a tripulación deste Salona 37, encabezada por Pedro Pazos, tíñao difícil para remontar na última proba deste luns. Contra rivais tan potentes como o Bosch, o Pairo ou o Menudeta, o Oral Group tivo que tirar da súa mellor arma, que é o seu equipo, un grupo de familiares e amigos con máis de oito anos de experiencia navegando xuntos.

O barco de Sanxenxo completou as pouco máis de quince millas do percorrido deseñado polo comité de regata en dúas horas e trinta e tres minutos, superado unicamente polo Pairo 8 que, con Luis Bugallo á fronte, foi o máis veloz e o primeiro en cruzar a liña de chegada.

A tripulación do Oral Group Galimplant recibiu o gran premio da xornada da man do Subdirector de Mariña e Pesca de Repsol, Carlos Sánchez Nieto, ao que acompañou sobre o palco de autoridades a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol para o sur de Galicia, Inés González Megido.

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, foi o encargado de entregar os premios aos gañadores da clase cruceiro-regata. O primeiro foi a parar tamén a mans da tripulación do Oral Group Galimplant, e a prata e o bronce quedáronllas, respectivamente, o Bosch Service Solutions, do Club Marítimo de Canido, patroneado por Ramón Ojea; e o Menudeta do Club Náutico Punta Lagoa, con Víctor Carrión aos mandos.

Na clase cruceiro foi onde máis rifado estivo o podio, xa que o primeiro e segundo barco quedaron empatados a puntos e o terceiro separado por apenas un punto dos dous primeiros. A vitoria levoulla o Fend la Bise do Monte Real Club de Yates, liderado por Jean Claude Sarrade; e o Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira; e o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo, do Club Náutico Beluso, quedaron en segunda e terceira posición.

Na clase J80, Javier de la Gándara segue sen dar tregua aos seus competidores. Á cana do Okofen, o histórico regatista leva meses demostrando a súa valía a bordo destes monotipos, sacando o máximo partido da súa tripulación e asinando primeiros postos un tras outro. Á última xornada do Trofeo Repsol chegou coa seguridade de que pisaría os caixóns máis altos do podio e finalmente levou o ouro simbólico, que lle entregou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

A bastante distancia do Okofen, o segundo e terceiro posto da competición dos J80 estiveron algo máis rifados, decidíndose por apenas un punto de diferenza. Lucindo ambos os grímpola do Monte Real Club de Yates, o Ferralemes de Enrique Porto logrou a prata e o Marías de Manuel María Cunhase tivo que conformar co bronce.

Xunto a De la Gándara, outro dos nomes destacados no apartado de monotipos do Trofeo Repsol foi Gonzalo Araújo. Co Bosch Service Solutions do Real Club Náutico de Vigo, o patrón vigués sentenciou a competición dos J70 cun balance case perfecto, de seis primeiros postos nas nove mangas disputadas.

O resto de caixóns do podio da categoría J70 tiveron acento ourensán, con Luis Pérez Canal e Támara Echegoyen de protagonistas. O patrón do Club Marítimo de Canido fíxose co segundo posto a bordo do Abril Verde, e a campioa olímpica asinou o terceiro como patroa do Sogacsa. Todos recibiron os seus premios de mans de Daniel Benavides, Xefe de Servizo de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, que asistiu ao acto organizado no Monte Real.

Na clase Fígaro, Alberto Iglesias e os seus, a bordo do Ladeira, deron a sorpresa na última xornada e lograron arrebatarlle a vitoria, por apenas un punto, ao Serralleiras de Elena Raga, que viña líder desde o inicio do campionato. O podio de vencedores, aos que entregou os galardóns Manuel Villaverde, presidente da Federación Galega de Vela, completouno o equipo feminino da Federación Madrileña de Vela, encabezado por Amparo Mollá.

CLASIFICACION FINAL TROFEO REPSOL • 40ª REGATA DE PRIMAVERA MRCYB

GAÑADOR DA XERAL

ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RNC SANXENXO

CLASE CRUCEIRO REGATA

1. ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RCN SANXENXO
2. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • RAMÓN OJEA • CM CANIDO
3. MENUDETA • VICTOR CARRIÓN • CN PUNTA LAGOA

CLASE CRUCEIRO

1. FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MRCYB
2. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA
3. SANTIAGO ROMA RÍAS BAIXAS • IÑAKI CARBAJO • CN BELUSO

CLASE J80

1. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB
2. FERRALEMES • ENRIQUE PORTO • MRCYB
3. MARÍAS • MANUEL MARÍA CUNHA • MRCYB

CLASE J70

1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • GONZALO ARAÚJO • RCN VIGO
2. ABRIL VERDE • LUIS PÉREZ CANAL • CM CANIDO
3. SOGACSA • TÁMARA ECHEGOYEN • RCN VIGO

CLASE FÍGARO

1. LADEIRA • ALBERTO IGLESIAS • MRCYB
2. SERRALLEIRAS • ELENA RAGA • MRCYB
3. TUTATIS • AMPARO MOLLÁ • FEMAVE