O Amfiv, capitaneado polo gondomareño Berni Costas, novo campión da Challenge Cup

O Amfiv cumpriu por fin este domingo o seu soño de gañar un título europeo de baloncesto en cadeira de rodas que tocou cos dedos en tres ocasións anteriores. O equipo de Vigo gañou ante a súa afección a Challenge Cup despois de derrotar nunha electrizante final disputada no Pavillón de Navia ao Rhine River Rhinos Wiesbaden (Alemaña) por 68-59. O alcalde da localidade, Abel Caballero, foi un espectador de luxo na xesta histórica lograda pola escuadra galega.

O capitán do Amfiv, o gondomareño Berni Costas, recolleu o trofeo de campión de mans de Caballero e, alzando o seu brazo esquerdo e mirando cara arriba, dedicoullo a Pablo Beiro, fundador do club e falecido en 2015. Os vigueses xa inscriben o seu nome entre os elixidos do baloncesto en cadeira de rodas de Europa despois de quedar ás portas da Willi Brinkmann de 2006, 2008 e 2010, onde repetiu o segundo posto.

Os dous mellores equipos do torneo xogaron a final a mil revolucións, con vantaxes máximas de 11 puntos para os alemáns ao comezo do segundo cuarto (9-20) e de 11 tantos para os españois pouco despois de arrancar o último período (50-39), e tivo dúas fases ben diferenciadas, coa primeira metade de dominio no marcador dos de Wiesbaden e a segunda para os de Vigo.

O Rhine River Rhinos Wiesbaden empezou mellor grazas á canadense Janet McLachlan, un martelo pilón en lanzamentos a media distancia desde o lado dereito do ataque xermano, e xa endosaron un parcial de 1-8 nos primeiros minutos, diferenza que se estirou ata os 10 puntos pouco antes de concluír o primeiro cuarto (8-18), que terminou con 9-18 favorable aos teutóns.

Na continuación, os olívicos foron aos poucos reducindo a desvantaxe con canastras de Zavala, Envó, Costas, Jama e Alejos, ata que se chegou ao descanso con 30-30 e os ánimos polas nubes na escuadra dirixida por César Iglesias.

Minuto e medio despois do intermedio, Alejos deulle a volta ao marcador por primeira vez no partido (34-32) e os españois non volveron perder ese privilexio nunca máis. Con 46-39 ao concluír o terceiro cuarto, os locais xogaron mellor os últimos 10 minutos, nos que a vantaxe xamais baixou de cinco puntos, ata que o marcador quedou definitivamente en 68-59.

No equipo español destacaron Zavala (23 puntos e 9 rebotes), Envó (20 puntos e 8 rebotes) e Alejos (15 puntos, 11 rebotes e 8 asistencias), como Janet McLachlan (23 puntos e 8 rebotes), McPhail (15 puntos e 7 asistencias), Güntner (11 puntos e 7 rebotes) e Gray (8 puntos e 9 rebotes) na escuadra xermana.

AMFIV 68 (9+21+18+20)

Shelley Cronau, Jama (8), Envó (20), Zavala (23) e Alejos (15) -cinco inicial- Vilas, Costas (2) e Lorenzo.

RHINE RIVER RHINOS WIESBADEN 59 (18+12+9+20)

Janet McLachlan (23), Palmer (2), McPhail (15), Güntner (11) e Gray (8) -cinco inicial- Amend.

Na cerimonia de entrega de trofeos, presidida por Abel Caballero, foron recoñecidos os cinco membros do quinteto ideal da Challenge Cup: Abdi Jama (Amfiv), Ker Korver (Devedo), Mustafá Muhittinoglu (TSK Rehab Merkezi) e John McPhail e Janet McLachlan (Rhine River Rhinos Wiesbaden).