Sin categoría

Os barcos de Bosch brillan na apertura do Trofeo Repsol

Os barcos de Bosch Service Solutions brillaron este sábado na apertura do Trofeo Repsol, a tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates que se celebra durante esta ponte do primeiro de maio coa participación de máis de corenta veleiros.

O barco do Club Marítimo de Canido lidera a clasificación provisional da clase regata-cruceiro tras impoñerse aos seus competidores no trazado costeiro deseñado para a xornada inicial. Un percorrido de case 20 millas, de ida e volta desde baía de Baiona virando na Torre Faro Tofiño, con ventos de entre 12 e 14 nós, que o barco patroneado por Ramón Ojea completou en tres horas e trece minutos.

O Menudeta de Punta Lagoa, con Victor Carrión aos mandos; e o Oral Group Galimplant de Sanxenxo, dirixido por Pedro Pazos, colocáronse en segunda e terceira posición da clase regata-cruceiro, deixando o cuarto posto para o Pairo VIII. O vencedor da anterior edición do Trofeo Repsol, co mozo Luis Bugallo á cana, realizou unha fantástica regata sempre na cabeza da frota, pero non foi capaz de coarse no podio virtual.

Variedade de clubs nos primeiros postos da clase regata-cruceiro, e variedade tamén na categoría de cruceiro, onde o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates; o Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira; e o Unus de Luis García Trigo, do Real Club Náutico de Vigo, ocupan o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente.

Na clase J80, o histórico regatista Javier de la Gándara, habitual vencedor nas competicións destes monotipos, volveu facer das súas. A bordo do Okofen asinou dous primeiros postos e dous segundos nas catro probas disputadas na baía de Baiona. Non só se colocou líder tras a xornada inicial, senón que, ademais, logrou separarse a 9 puntos do seu rival máis directo, o Ferralemes de Enrique Porto, que quedou segundo. En terceira posición situouse outro barco do Monte Real Club de Yates, o Marías, con Manuel María Cunha á cana.

Os J80 compartiron cos J70 e cos Fígaros o campo de regatas, no interior da baía de Baiona, e un mesmo deseño de competición, cun trazado barlovento-sotavento que completaron con axilidade e sen incidencias, impulsados por un bo vento do suroeste que se mantivo estable tanto en dirección como en intensidade.

Na clase J70 destaca sobre o resto da frota o Bosch Service Solutions de Gonzalo Araújo, que gañou todas as regatas disputadas. Catro primeiros postos en catro probas que o afastan a sete puntos do segundo e terceiro clasificado, o Abril Verde, de Luis Pérez Canal; e o Sogacsa de Támara Echegoyen, empatados a puntos.

Na clase Fígaro, o Serralleiras patroneado por Elena Raga é líder tras esta primeira etapa. O Ladeira de Alberto Iglesias e o Bouvento de José Francisco García de Miguel ocupan a segunda e terceira posición respectivamente.

O Trofeo Repsol continúa mañá domingo coa segunda xornada de probas, cuxo comezo se atrasará unha hora sobre o horario inicialmente previsto para tratar de esquivar o mal tempo que anuncian as previsións meteorolóxicas. O bocinazo de saída escoitarase ás dúas da tarde e unha vez finalizada a competición, os participantes poderán degustar gintonics da xenebra Premium Martin Miller’s e a tónica Royal Bliss de Coca Cola.

CLASIFICACION 1ª XORNADA TROFEO REPSOL • 40ª REGATA DE PRIMAVERA MRCYB

CLASE CRUCEIRO REGATA

1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • RAMÓN OJEA • CM CANIDO
2. MENUDETA • VICTOR CARRIÓN • CN PUNTA LAGOA
3. ORAL GROUP GALIMPLANT • PEDRO PAZOS • RCN SANXENXO

CLASE CRUCEIRO

1. FEND LA BISE • JEAN CLAUDE SARRADE • MRCYB
2. BALEA DOUS • LUIS PÉREZ • RCN RODEIRA
3. UNUS • LUIS GARCÍA TRIGO • RCN VIGO

CLASE J80

1. OKOFEN • JAVIER DE LA GÁNDARA • MRCYB
2. FERRALEMES • ENRIQUE PORTO • MRCYB
3. MARIAS • MANUEL MARIA CUNHA • MRCYB

CLASE J70

1. BOSCH SERVICE SOLUTIONS • GONZALO ARAÚJO • RCN VIGO
2. ABRIL VERDE • LUIS PÉREZ CANAL • CM CANIDO
3. SOGACSA • TÁMARA ECHEGOYEN • RCN VIGO

CLASE FÍGARO

1. SERRALLEIRAS • ELENA RAGA • MRCYB
2. LADEIRA • ALBERTO IGLESIAS • MRCYB
3. BOUVENTO • JOSE FRANCISCO GARCÍA DE MIGUEL • MRCYB