No pleno da Corporación de Nigrán celebrado este xoves o goberno municipal anunciou a contratación da elaboración dun estudo de mobilidade para complementar a documentación do PXOM.
É por iso polo que este venres o grupo municipal de Nigrán Decide presentou unha solicitude para que dito estudo se oriente tamén a establecer as necesidades de transporte público entre as diferentes parroquias de Nigrán, que actualmente teñen un servizo deficitario.
“O deficiente transporte público entre as parroquias de Nigrán é un problema para a maioría da veciñanza, especialmente nas parroquias do interior, aínda que non exclusivamente delas”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.
Aínda que polo seu tamaño o Concello de Nigrán non ten a obriga de prestar o transporte colectivo urbano de viaxeiros, dadas as características de dispersión e afastamento das diferentes parroquias, Nigrán Decide considera que o Concello debería intervir neste tema. “Este estudo debería servir de base para a adopción de medidas para mellorar o transporte colectivo de viaxeiros por parte do Concello, coa colaboración doutras administracións”, finaliza Cuevas.

