A Garda Civil detivo a dous veciños de Vigo acusados dun delito de pertenza a un grupo criminal aos que se lles atribúe a comisión de medio centenar de roubos en cafeterías e restaurantes na provincia de Pontevedra.
As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse por mor da proliferación dos roubos que se viñan producindo durante os últimos meses en bares e restaurantes no municipio de Nigrán, para o que se contou con inestimable colaboración da Policía Local de Nigrán.
A análise pormenorizada dos roubos que se cometeron desde o mes de xaneiro deste ano na demarcación territorial deste Posto (6 en Nigrán e 2 en Baiona) foi determinante para concluír que non só podían ser perpetrados polas mesmas persoas, senón que tamén gardaban estreita relación con outros realizados en distintas localidades da provincia.
Partindo desta hipótese e profundando no estudo destes roubos e noutros de similares características que se produciron durante estes meses noutras localidades da provincia, púidose recompilar información e indicios racionais sobre a posible identidade dos compoñentes do grupo ao que se lles atribúe a autoría.
Para todo iso foi necesario unha exhaustiva análise comparativa das inspeccións oculares que se realizaron no seu día nos lugares onde se cometeron os feitos e das cámaras de vídeo vixilancia que tiñan algúns dos locais afectados. O resultado final desta análise non só reforza a hipótese de partida, senón que tamén deu luz sobre a identidade dos presuntos autores e, sobre todo, das características do vehículo que utilizaran.
O modus operandi é practicamente idéntico en todos os casos investigados. Violentaban as fechaduras das portas dos establecementos utilizando uns alicates extensibles (pico de papagaio) e unha vez no interior subtraían as recadacións das máquinas recreativas, rexistradoras e expendedoras de tabaco, ocasionando cuantiosos danos materiais. Adoitaban actuar en grupos de dous ou tres persoas, perfectamente coordinados, coa cara cuberta e usando luvas.
Detidos
O día 27 foron detidos en Vigo os dous principais responsables deste grupo criminal: J.B.L., de 33 anos e J.E.M., de 31, e intervéuselles a furgoneta que estaban a utilizar para a comisión dos roubos (Opel Vivaro, de cor branca).
Material intervido
Ademais da furgoneta, a Garda Civil puido recuperar unha máquina recreativa e outra expendedora de tabaco que gardaba un dos detidos no seu domicilio e púidoselles incautar, ademais, as ferramentas (dúas patas de cabra, un pico de papagaio, tres desaparafusadores) e parte do vestiario (luvas e pezas de vestir) que utilizaran para a comisión dos roubos.
Roubos esclarecidos
A Garda Civil considera aos dous detidos directamente relacionados coa autoría dun total de 50 roubos cometidos en bares, cafeterías e restaurantes das seguintes localidades da provincia de Pontevedra: Nigrán (6 roubos); Baiona (2); Gondomar (7), A Guarda (2); Mos (5); O Porriño (3); Soutomaior (2); Ponteareas (1); Cangas (3); Moaña (3); Sanxenxo (1); Poio (1) e Vigo (14).
As dilixencias instruídas, xunto cos efectos recuperados e os detidos, foron postas a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que decretou a liberdade provisional con cargos dos arrestados.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

