Nigrán cede a antiga escola de Priegue á Asociación de Veciños “A Irmandade”

Coa intención de facilitar o traballo ás asociacións veciñais, o Concello de Nigrán vén de asinar un convenio para que a Asociación de Veciños “A Irmandade” de Priegue use a antiga escola unitaria, pechada dende hai anos. A rehabilitación da escola redistribuíu o seu espazo para facer dúas novas estancias, una para oficina e outra para aseo adaptado, ademais de manter unha zona para espazos comúns. Dotouse tamén de nova instalación eléctrica e de fontanería, novos solados e alicatados e completo pintado. Finalmente, a costa de acceso conta cunha varanda de aceiro inoxidable e rectificouse a súa pendente para que resulte accesible.

A remodelación integral da vella escola unitaria completouse coa creación dunha zona de parque infantil e mobiliario urbano e a instalación dunha pista multideportes e unha cancha de petanca de 3×14 metros. “Con este proxecto damos resposta a unha antiga demanda coa que queremos apoiar e facilitar o traballo da Asociación de veciños “A Irmandade” e por outra banda poñer en valor este lugar para que sexa un verdadeiro punto de encontro da parroquia no que nenos e maiores se sintan a gusto e nun espazo seguro e de convivencia”, sinala o alcalde, Juan González.