Unha tenda de Gondomar compite con Zara nos Premios Nacionais do Día Mundial da internet

FOTO: KUKADAS GONDOMAR

O Comité de Impulso do Día Mundial da internet 2017 acaba de anunciar que Kukadas foi seleccionada como un dos tres finalistas dos Premios Nacionais da internet, na categoría de Estratexia Dixital.

Os Premios da internet teñen por obxectivo recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou organizacións que máis se destacaron, durante o ano previo á súa entrega, no bo uso da internet e as novas tecnoloxías. O xurado está formado por persoas de recoñecido prestixio seleccionadas polo Comité de Impulso do Día da internet. Desta forma, Kukadas, un pequeno comercio de Gondomar, incorpórase como finalista xunto á tenda online de Zara na recta final dos premios.

A tenda online de Kukadas está deseñada e creada pola propietaria e o seu fillo, sen ningún tipo de axuda externa, sen grandes investimentos, sen equipo de desenvolvemento nin márketing. Con entusiasmo e dedicación, competindo contra os enormes orzamentos e equipo dunha gran multinacional como é Zara. “Con toda a ilusión, competiremos para traer o premio ao Val Miñor”, asegura a súa propietaria.

Pódese votar a candidatura na seguinte ligazón:
www.diadeinternet.org/2017/?page=prem_new_candidatura&ide_rubrique=375&ide_article=20582

Anuncios