Baiona celebrará unha feira medieval para conmemorar o 520 aniversario do mercado de Sabarís

O Concello de Baiona organizará unha feira medieval a finais do vindeiro mes de maio para conmemorar o 520 aniversario do Mercado de Sabarís, un dos máis antigos de Galicia ao ser autorizado polos Reis Católicos en 1497.

Postos de artesáns, anticuarios, gastronomía e diversas actividades culturais servirán para celebrar o vindeiro 28 de maio a primeira referencia documental que existe sobre o Mercado de Sabarís. A concelleira de Cultura, María Iglesias, mantivo este venres unha reunión de traballo con representantes dos colectivos Coemsa (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís), Castro e Ladeira (Asociación de Veciños) e Encaixamos (Asociación de Persoas con Discapacidade do Val Miñor) para comezar cos preparativos da celebración.

“Na xuntanza que tivemos este venres saíron moitas ideas para enriquecer esta iniciativa municipal co obxectivo de recrear un mercado da época, pero non será algo puntual senón que pretendemos que se consolide e chegue a ser un gran evento”, apuntou María Iglesias. A concelleira de Cultura e os colectivos quedaron emprazados para ir concretando todos os aspectos da feira en vindeiras datas. Todas as partes acordaron que o último fin de semana de maio sería o momento adecuado, tanto pola proximidade da época de verán como pola súa coincidencia co Día Internacional dos Mercados.

María Iglesias e os representantes dos colectivos tamén valoraron que o lugar idóneo para celebrar a feira sería a Praza Victoria Cadaval, epicentro da parroquia, e que os negocios da zona serían os encargados de ofrecer as propostas gastronómicas no propio mercadillo medieval.

Privilexio dos Reis Católicos

A primeira referencia documentada do Mercado de Sabarís data do ano 1497, cando os Reis Católicos concederon o privilexio á Real Vila de Baiona para celebrar un “mercado de mantenimientos de pan y de vino en Monterreal” co obxectivo de estimular e reforzar a repoboación da Fortaleza. “A partires de entón o Monterreal disporía dun mercado que non era do agrado e nunca gozou do interese dos veciños e feirantes por encontrarse nunha zona que non era a máis adecuada para eles polo seu difícil acceso”, explica Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e a Biblioteca Municipal de Baiona.

A documentación analizada pola directora confirma que Sabarís sempre foi o lugar elixido polos veciños e feirantes. “Mentres celebrábase o mercado nas rúas intramuros (Plaça y Rúa del Malcozynado), feirantes e regateiras queixábanse en diferentes puntos de extramuros, como na Vila Vella, o Burgo e na calzada de Sabarís. Durante 400 anos a pugna por establecer o mercado fóra da Fortaleza foi constante”, engade Cristina Vilar.

No último terzo do século XIX a Fortificación do Monterreal foi declarada en ruína, polo que aquela feira é a mesma que hoxe en día celébrase en Sabarís. Pero o vasto e rico Arquivo Histórico de Baiona amosa tamén outros apuntes de interese. “Houbo peticións á Coroa no século XVI por parte do correxidor da Vila para que se estableceran dúas feiras francas, ambas extramuros. Unha delas na ermita do Burgo e outra en Nosa Señora de Cela (Baredo), aínda que non temos constancia ata o de agora de que ningunha delas chegase a celebrarse”, apunta a directora do Arquivo Municipal.