O gondomareño Daniel Fernández afrontará tres novos retos deportivos polo alzhéimer

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Daniel Fernández nun dos retos pola diabetes.

Daniel Fernández é un mozo de Gondomar que o pasado ano realizou 3 retos deportivos solidarios a favor de ANEDIA, unha asociación de diabetes infantil de Galicia.

“Nos próximos meses quero escribir un segundo capítulo para este libro de solidariedade. Este capítulo titulareino ‘Reta 3 Móvete polo alzhéimer’, e os seus protagonistas son todas esas persoas que padeceron ou padecen alzhéimer así como os familiares que se fan cargo deles”, afirma Daniel.

Para iso este ano levará a cabo outros 3 retos deportivos para visibilizar esta causa e recadar fondos para doar á asociación coa que colaborará, chamada AFAGA Vigo, e que se dedica a tratar esta enfermidade así como a facer diversas actividades e talleres por toda Galicia co fin de frear ou diminuír os síntomas desta doenza que desgraciadamente cada día é máis común.

Os 3 retos estarán relacionados co atletismo de ultra distancia así como co ciclismo. O primeiro comezará o venres 5 de maio ás 12:00 horas e consistirá en nin máis nin menos que 24 horas correndo polo alzhéimer. Terá lugar no Paseo de Praia América, en Nigrán, por un circuíto de 5 km. entre ida e volta e no que espera completar un mínimo de entre 110 e 120 km, “e sobre todo visibilizar esta enfermidade e poñer o meu granito de area para facerlles máis fácil e levadía esta doenza a algunhas persoas que a padecen”.

“Todos os que queiran compartir algúns km comigo correndo ou andando alí espéroos”, comenta o mozo gondomareño. Nun punto do paseo haberá un arco de meta no que estará situado o avituallamento e un peto no que se poderán facer as achegas. Tamén está dispoñible un número de conta no que se pode doar calquera cantidade por moi pouco que sexa: laCaixa IBAN ES56 2100 4080 1122 0012 1884.

“Agora tócanos a nós, tócanos acordarnos desas persoas que cando eramos pequenos acordábanse constantemente de nós (pais, nais, avós que padecen alzhéimer), agora debemos poñer o noso gran de area e axudarlles”, conclúe Daniel.