Unha vitoria e dous empates para o Club Laroca na penúltima xornada da liga galega de xadrez

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA // Lino e Guillermo.

A falta da derradeira xornada da liga, seguen a manterse as espadas en alto para os tres representantes do Club Laroca.

Na primeira división, o Laroca A despois do empate conseguido en Mondariz ante o Xadrez Marcote, grazas ás táboas de Mireya e Sergio, e a vitoria de Tino, seguen mantendo a cuarta praza da clasificación. Unha vez perdidas as opcións de ascenso seguen optando ao segundo posto da clasificación.

Na segunda división, o Laroca B conseguiu un empate no seu desprazamento a Salceda de Caselas para enfrontarse ao Xadrez Altamira. Con este empate os laroqueiros non conseguen certificar a permanencia definitiva, pero seguen a depender deles mesmos, xa que os separa un punto dos postos de descenso. Os puntos foron conseguidos por Dani e as táboas de Patricio e Paco.

O outro representante na categoría, o Laroca C, conseguiu a única vitoria da xornada ao superar por un contundente 3.5-0.5 ao equipo vilagarcián do CXF Mesón Derby. Con esta vitoria sitúanse na segunda posición a tan só dous puntos do Líder que dá praza de ascenso á primeira división. Os puntos foron conseguidos polas táboas de Artai, e as vitorias Chema, Lino e Guillermo.