Repartición de grímpolas nos postos de honra do Trofeo Comunica celebrado este sábado na ría de Vigo, no que participaron 32 tripulacións e alzáronse coa vitoria barcos do Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Rodeira e o Monte Real Club de Yates.
O Oral Group Galimplant de Sanxenxo, patroneado por Pedro Pazos, fíxose co ouro na categoría de Cruceiro-Regata tras completar o percorrido costeiro do programa, de case 12 millas entre Vigo e Baiona, en 2 horas e 44 minutos. Recibiron o premio de mans do patrocinador do evento, Roberto Lira, responsable da empresa Comunica.
En segunda posición da clase Cruceiro-Regata quedou o Fend la Bise do Monte Real Club de Yates, liderado por Jean Claude Sarrade. E o bronce foi para o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea, que navegou, como sempre, lucindo grímpola do Club Marítimo de Canido.
Varios clubs repartíronse tamén o podio da categoría Cruceiro do Trofeo Comunica. O gran premio da xornada foise para Rodeira no Balea Dous, que venceu nesa categoría con Luis Pérez aos mandos.
Os de Rodeira deixaron a segunda e terceira posición para o Margem do Azul III do Monte Real Club de Yates, patroneado por Frederico Lopes e o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo, do Club Náutico Beluso.
Ademais das categorías de cruceiros, o Trofeo Comunica incluíu dous grupos máis para monotipos J80 e Fígaros, nos que tiveron protagonismo absoluto os barcos do club organizador. Ambas as frotas completaron o mesmo percorrido deseñado para o resto de barcos, con saída fronte ao peirao de transatlánticos de Vigo, paso polas balizas da Negra e Carallones, e chegada no interior da baía de Baiona.
Na clase J80 a vitoria foi para o Marías de Manuel María Cunha, e o segundo e terceiro posto para o Virazón de Javier Rey e o Mondo de Bernardo Macedo, respectivamente.
Na competición dos Fígaros impúxose o Silleiro, patroneado por Santi Meigide; e o Erizana de Ramón Palao e o Bouvento de Genoveva Pereiro levaron a prata e o bronce dunha proba que se disputou con bo vento, dunha media de oito nós, con picos de dez por momentos e algunha que outra caída ata os seis nós.
Organizado co patrocinio da empresa Comunica e a colaboración do Real Club Náutico de Vigo e a Federación Galega de Vela, o Trofeo Comunica é a primeira gran regata que o Monte Real Club de Yates celebra neste 2017, tras a liga de J80 que organizou a comezos de ano en exclusiva para estes monotipos.
A próxima cita deportiva do club baionés é a Regata de Primavera – Trofeo Repsol, que se celebrará os días 29 e 30 de abril e 1 de maio en Baiona. Trátase dunha das probas máis clásicas do Monte Real que este ano, ademais, está de aniversario, ao cumprirse a súa cuadraxésima edición.
CLASIFICACIÓN XERAL TROFEO COMUNICA
GAÑADORES CLASE CRUCEIRO – REGATA
1. ORAL GROUP GALIMPLANT – PEDRO PAZOS – RCN SANXENXO
2. FEND LA BISE – JEAN CLAUDE SARRADE – MRCYB
3. BOSCH SERVICE SOLUTIONS – RAMÓN OJEA – CM CANIDO
GAÑADORES CLASE CRUCEIRO
1. BALEA DOUS – LUIS PEREZ -RCN RODEIRA
2. MARGEM DO AZUL III – FREDERICO LOPES – MRCYB
3. SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS – IÑAKI CARBAJO – CN BELUSO
GAÑADORES CLASE J80
1. MARIAS – MANUEL MARIA CUNHA – MRCYB
2. VIRAZÓN – JAVIER REY – MRCYB
3. MONDO – BERNARDO MACEDO – MRCYB
GAÑADORES CLASE FÍGARO
1. SILLEIRO – SANTI MEIGIDE – MRCYB
2. ERIZANA – RAMÓN PALAO – MRCYB
3. BOUVENTO – GENOVEVA PEREIRO – MRCYB





