UCN mostra a súa sorpresa ante o anuncio do anteproxecto de biblioteca ás costas da corporación

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O portavoz do partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), mostra a súa sorpresa ao decatarse polos medios de comunicación do recente anuncio por parte do alcalde Juan Gonzalez de que xa dispón dun anteproxecto para a construción da nova biblioteca municipal realizado polo estudo de arquitectura Aintegra, a situar nunha parcela de 443 m2 en catro alturas, na Estrada pola Vía (fronte ao Supermercado Froiz), cuxo orzamento ascende a 1,2 millóns de euros e pendente de conseguir o seu financiamento a través da Xunta e Deputación, ás costas da Corporación.

UCN lamenta ter que decatarse pola prensa dun asunto tan importante para o municipio, cando ademais, constituíuse unha comisión de traballo integrada por todos os grupos municipais e de técnicos, co obxectivo de analizar e estudar as posibles alternativas tanto para o seu emprazamento, como das características mínimas necesarias que debería reunir un proxecto de vital importancia para o futuro do municipio, rompendo o Alcalde de forma unilateral o consenso político que se propuxo alcanzar desde o principio, para que puidese ser froito do acordo unánime de toda a Corporación, “pero polo que se ve, parece que o alcalde agora non está polo labor”, sinala Antonio Fernández Comesaña.

UCN tamén discrepa -como xa o dixo no seu momento-, no emprazamento elixido, “xa que ao noso entender, a pesar de que se trata dun lugar céntrico e ben comunicado, cremos -na nosa modesta opinión- que estamos ante unha zona moi saturada e con dificultades serias de aparcadoiro, polo que a nosa alternativa sempre foi en defender a súa localización na parcela de máis de 23.000 m2 que dispón o Concello, para usos deportivos e culturais no parque empresarial e terciario de Porto do Molle, por tratarse dun amplo espazo e nun lugar estratéxico do municipio, que aínda que neste momento non dispón de transporte público, a moi curto prazo si que haberá que dotalo, cando o propio polígono estea a funcionar a pleno rendemento, e tendo en conta ademais, o bo ritmo de crecemento que está a experimentar nos últimos meses coa instalación de novas empresas, sendo un motor económico de crecemento e creación de emprego, non só para Nigrán, senón tamén para o Val Miñor”, conclúe Fernández Comesaña.

Anuncios