Un mariñeiro de 54 anos faleceu esta mañá na costa de Baiona tras caer á auga dende a embarcación na que traballaba, o pesqueiro Mar Novo. A vítima, J.J.D.D., foi rescatada por outra embarcación que estaba a faenar polas proximidades.
O home, veciño de Panxón, foi trasladado ao porto de Baiona, onde xa agardaban os efectivos sanitarios. Con todo, e malia os intentos por reanimalo, nada se puido facer por salvarlle a vida.
Unha persoa particular deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 9:50 horas desta mañá. Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Urxencias Médicas, á Garda Civil.
Segundo os datos facilitados ao 112, o mariñeiro caeu á auga de xeito accidental. No momento no que se produciron os feitos, había tres persoas a bordo da embarcación.

