Gondomar acollerá as I Xornadas de Economía Social

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o sábado 22 de abril desde as 10:30 ata as 20:00 horas as I Xornadas de Economía Social, co obxectivo de abrir un proceso de pensamento sobre un posible modelo de Economía Social e Solidaria.

Tamén é obxectivo desta xuntanza poder iniciar un proceso colectivo de activación doutra economía alternativa, cohesionando o comercio local e outras formas alternativas de consumo xa existentes no Val Miñor, así coma outras que aínda están por chegar.

“Estamos ante un mundo capitalista que acaba coa esperanza dos/as máis febles, dende as institucións e dende a cidadanía organizada, temos a obriga de velar polas nosas xentes, temos que traballar polo ben común, pola mellora da calidade de vida dos/as nosos/as veciños/as. Hai alternativas e temos que dalas a coñecer e polas en valor. Outro mundo é posible sen tanta inxustiza”, sinalan desde a organización.

Sendo conscientes da necesidade de fortalecer a ecoloxía, o comercio de proximidade e a economía local, este encontro posibilitará ter máis coñecemento en outros eidos relacionados con estes obxectivos, coma pode ser o recoñecemento e xusto posicionamento das economías dos coidados, a necesidade de decrecemento do consumo non consciente, a creación e funcionamento de moedas sociais coma ferramenta que xa se utiliza en moitas partes do mundo e que axuda a dinamizar o comercio local para que este sexa un xerador de emprego.

Alén destes conceptos, haberá dinámicas colectivas e palestrantes que desenvolven na praxe e no seu día a día experiencias moi inspiradoras de economía alternativa, innovadora e re-evolucionaria, tanto no territorio galego coma alén del. Xavier Simón, Jordi Flores, Manuel Amigo, Oscar Górriz e Enric Durán, participarán nesta xornada, explicando como crearon e viven eses modelos alternativos de economía.

Aquí o programa completo da xornada:

Presenta e conduce o evento Tareixa Otero.

10:30. Palestra de Xabier Simón sobre as perniciosidades do Capitalismo + Debate.
11:30. Dinámica colectiva.
12:00. Audiovisuais curtas sobre postcapitalismo de Yayo Herrero e Esther Vivas.

12:30. Descanso. Café acompañado das Pandereteiras Xarelas da Touza (Priegue).

13:00. Experiencia da Ecoxarxa Tarragona con Jordi Flores + Debate.
14:00. Descanso para Xantar. Haberá postos de comida agroecolóxica no exterior do auditorio.
16:00. Experiencia de Santa Comba con Manuel Amigo + Debate.
17:00. Dinámica colectiva para tódalas asistentes acompañada de merenda.
18:00. Experiencia FairCoop con Oscar Górriz e Enric Durán + Debate.

20:00 Peche e valoración.

Para as persoas de fóra do Val Miñor que queiran facer parte deste evento, colaborar nas dinámicas colectivas e aportar unha forza ese mesmo día, se abre unha hospedaxe solidaria na Residencia Casa Colorida. Para iso será preciso enviar un mail a este enderezo: residencia@casacolorida.net.

Anuncios