O Nigranjazz opta ao premio Martín Códax da Música ao Mellor Festival

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

No medio dunha festa amenizada coa chispa e a música d’A Panadaría Teatro, a Asociación de Músicos ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 4ª edición dos Premios Martín Códax da Música. O acto celebrouse, como cada ano, nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados.

Entre os 57 finalistas está por segundo ano consecutivo o Nigranjazz, evento organizado polo Concello de Nigrán, que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario recuperando os dous días de programación, reunindo aos mellores músicos de jazz no Auditorio da Foz e consolidándose como unha das citas de referencia no circuíto nacional. O Nigranjazz está nomeado na categoría de Mellor Festival dentro dos Premios Organistrum xunto co Festival de Pardiñas e o Surfing the Lérez.

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicos ao Vivo mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos (1 máis que na anterior edición): 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 espazos de comunicación musical.

Agora será un xurado, integrado por músicos e profesionais do sector, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías. Este xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online da web http://www.premiosmartincodaxdamusica.com, será secreto e os nomes dos seus integrantes non se farán públicos ata finalizar o proceso.

Os gañadores coñeceranse o 3 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.