Anuncios
Ticker de novas

Rodrigo Enríquez, corredor do Club Ciclista Rías Baixas: “Estamos a ser valentes”

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O calendario Elite e Sub23 dá un respiro esta semana Santa á maioría dos corredores do Club Ciclista Rías Baixas. Atravesado o ecuador da Copa de España, unha das incorporacións realizadas durante o pasado inverno pola directiva que preside José Luis Chamorro fai balance. O escalador valdeorrés Rodrigo Enríquez está a demostrar a súa combatividade nas filas do conxunto miñorano.

-Que valoración fai da tempada ata este momento?

-A nivel individual estou a responder e atopándome ben. Os resultados aínda non son os que esperamos, pero estamos ilusionados para as próximas competicións.

-Como resumiría a actuación do Club Ciclista Rías Baixas nas cinco probas disputadas da Copa de España?

-Estamos a ser valentes. Excepto na última que non puidemos estar aí, nas anteriores si que estivemos en primeira liña e os resultados poderían ser mellores. Imos seguir tentándoo na segunda parte da Copa.

-Que pasou no Memorial Valenciaga, a última carreira puntuable disputada?

-Baixando o primeiro porto xa tiven problemas porque a bici íaseme bastante de atrás. Quedei cortado, pero logo volvín entrar. Despois sufrimos unha caída tres compañeiros e xa non puidemos enganchar cos de diante. Foi unha pena porque era unha carreira que nos viña moi ben. Ás veces as cousas non poden saír como chas expós. Hai que aprender do que pasou e esquecela.

-Optou por tentar sorprender en escapadas tanto no Circuíto Guadiana como no Memorial Momparler.

-Si, no Circuíto Guadiana atopeime bastante forte e saíu ben. Conseguín entrar na fuga e gañei a montaña. A escapada de Momparler foi diferente. Tenteino de lonxe xunto ao meu compañeiro Jesús Nanclares e quizais nos precipitamos un pouco.

-A filosofía que lles inculca Marcos Serrano é ir sempre ao ataque?

-Si, ata que alla algo que defender. Entón, xogaremos a outra cousa. De momento tócanos ser valentes e atacar. Sabemos que hai rivais máis fortes e temos que probar de lonxe. Buscamos sorprender e conseguir certa marxe para facer algo bonito nos últimos quilómetros.

-Como marcha a súa adaptación ao equipo?

-Moi ben, somos como unha familia e levámonos moi ben. O ambiente é o idóneo e iso nótase nas carreiras, competindo como compañeiros. Estou moi satisfeito coa miña adaptación.

-Que meta márcase no que resta de Copa de España?

-Un obxectivo importante é seguir puntuando por equipos. Tentaremos estar adiante nalgunha carreira probándoo de lonxe e a ver que pasa.

-Das catro carreiras que quedan ten algunha marcada en vermello?

-Gústame a próxima, a Clásica de Torredonjimeno. É unha carreira dura, longa e en Xaén vai facer calor segura. Son as condicións que mellor se adaptan ás miñas características.

-Unha vez que finalice a Copa de España, cales son as súas aspiracións no resto do calendario Elite e Sub23?

-Empezarán as voltas. A de Coruña xa está ao virar a esquina e a de León motívame especialmente. É moi bonita e sempre fai moita calor. Ademais, eu nacín en Ponferrada e Nanclares é do Bierzo, así que tentaremos dar guerra.

Anuncios