Sin categoría

Gran éxito do III Torneo Basket sen Barreiras do CB Nigrán

O Club Baloncesto Nigrán e a Federación Galega de Baloncesto, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), organizaron a terceira edición do Torneo Basket sen Barreiras no pavillón do colexio de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para a investigación contra o cancro.

Máis de 30 equipos de baloncesto de toda Galicia déronse cita durante dous días no pavillón do colexio de Panxón en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá serviron especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade. Para iso contaron co Club AMFIV, o centro Juan María, a asociación ALENTO de dano cerebral e COGAMI.

Para as xornadas de tarde habilitáronse 3 pistas onde xogaron os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde.

Á entrega de medallas asistiron a deputada provincial Digna Rivas, o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, e Berni Costas, xogador do AMFIV.

Cada xogador/a participante realizou un donativo para a loita contra o cancro que foi depositado na urna cedida pola Asociación Española e que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu donativo na devandita urna.

Durante os dous días de competición realizáronse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes, consistentes en material deportivo cedido pola Federación Galega de Baloncesto e outros cedidos por empresas da localidade que colaboran co CB Nigrán. Todo o recadado coa venda das rifas para estes sorteos así como o recadado na urna solidaria foi entregado unha vez finalizado o torneo á Asociación Española contra o Cancro para a loita e investigación contra esta enfermidade.

Dado o éxito deste torneo desde a directiva do club xa están traballado en próximos eventos e proxectos deportivos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.