
Un total de 65 nenos e nenas de 6 a 12 anos participaron os días 10, 11 e 12 de abril no Campus de Semana Santa organizado pola Concellería de Deportes de Gondomar, no que puideron gozar de tres días de actividades nos que os pequenos contaron con monitores e material á súa disposición para aprender, xogar e sobre todo divertirse.
O luns foi o día das olimpíadas, con clases de tenis impartidas polos adestradores do Club de Tenis Gondomar. Tamén houbo xogo con globos e pilates, ademais dunha limonada cedida por McDonals.
O martes realizouse unha excursión á praia, onde non dubidaron en meterse na auga. Andaron en bicicleta-coche por Bouzas para finalizar en Samil gozando dun xeado no McDonals.
O mércores, os nenos e nenas participaron nunha xincana na contorna do parque da Coelleira na que debían atopar o tesouro perdido. Finalmente, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, entregaron un ovo de pascua sen glute a todos os pequenos.