O Santa Mariña, campión do VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona na categoría chupetes

Os pequenos do Santa Mariña proclamáronse campións do VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona na categoría chupetes, na que foi a primeira xornada do campionato, celebrada este luns no campo de fútbol do Aral coa participación de 12 equipos, que disputaron un total de 26 partidos.

O Vila do Corpus foi o subcampión, mentres que o terceiro e cuarto posto ocupárono o Val Miñor e o SP Guardés respectivamente. O premio ao mellor porteiro recaeu en Pedro do SP Guardés e o de mellor xogador foi para Gabriel do Santa Mariña.

Pola tarde, celebrouse o I Torneo Integra, no que participaron catro equipos: Celta Integra, ASDAN, San Rafael e Juan María. Trátase dun torneo de exhibición no que todos os participantes recibiron a súa medalla.

O VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a máis de 1.100 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 84 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos duns dos 50 clubs máis importantes de toda Galicia comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona continuará ata o xoves coas categorías alevín, benxamín e prebenxamín.