Nigrán ofrece este sábado e domingo de Semana Santa tres rutas guiadas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán ofrece unha Semana Santa con diferentes rutas guiadas que, tanto ao veciño como ao visitante, lles permita coñecer en profundidade a riqueza patrimonial e cultural do municipio.

Neste contexto enmárcanse os seus emblemáticos pazos, conxuntos arquitectónicos pertencentes á fidalguía galega aos que se lle dedicará o sábado 15. Este día unha ruta matinal ás 11.00 horas desde a ponte románica da Ramallosa centrarase naqueles que son referencia do camiño portugués pola costa (Pazo Pías, Abacial, Cea, Urzáiz). Xa pola tarde, ás 18.00 horas dende a Casa Consistorial (en vehículo propio para achegarse ata a rúa dos Pazos) será a quenda de coñecer os de Abacial, Touza, Cea, Cadaval, Urzáiz e Igrexa da Misericordia.

O domingo 16 estará dedicado á costa nigranesa seguindo os puntos máis emblemáticos da novela de Domingo Villar “A praia dos afogados”, partindo ás 11.00 horas dende a Residencia de Tempo Libre de Patos e visitaranse o Templo Votivo de Panxón ou o arco visigótico e a costa do triángulo máxico Estelas-Monteferro-Panxón.

As rutas serán guiadas e sen necesidade de inscrición previa, simplemente hai que presentarse no punto de encontro.