O Colegio Leonés e o Allariz, campións do XI Torneo de Minibasket de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Despois de tres días de baloncesto, este domingo clausurouse o XI Torneo Internacional de Minibasket de Baiona, coa celebración da fase final ou «play-offs», cos cuartos de final, semifinais e finais, ademais da celebración do Torneo de Consolidación, e a entrega de premios.

O torneo, organizado polo Club Baloncesto Baiona conxuntamente co Concello, reuniu no Pavillón de Deportes e no Pavillón do CPI Covaterreña aos mellores equipos de toda Galicia, así como equipos de Castela e León, Cataluña e Portugal. En total máis de 360 xogadores e 60 adestradores.

Os mozos do Colegio Leonés A proclamáronse campións despois de derrotar na final masculina ao Club Estudiantes de Lugo, mentres que na feminina as mozas do CB Allariz resultaron as vencedoras tras vencer ao Porriño Baloncesto Base.

Os campións do Trofeo da Deportividade foron o Cidade de Lugo en categoría masculina e o CB Porto do Son na feminina. O premio ao mellor xogador recaeu en Alejandro Maja do Colegio Leonés e Carla Mascareñas do CB Allariz. Os máximos anotadores do torneo foron Manuel Ruano, do Club Estudiantes de Lugo, e Marta Pereira, do CB Airexa. Finalmente, os gañadores do concurso de habilidade foron Diego Vicente do Colegio Leonés e Mateo Mosquera do CB Airexa, primeiro e segundo respectivamente, en categoría masculina, e Olimpia Cabido do CB Porto do Son en primeira posición e Verónica Franco do Seis do Nadal en segunda na categoría feminina.

Nesta undécima edición volveuse ao formato de 32 equipos, 16 en categoría masculina e 16 en categoría feminina. Os participantes, de categoría alevín, viviron 3 días de convivencia a través do baloncesto, nos que se tenta fomentar a tolerancia e reforzar habilidades para relacionarse cos demais, cooperar e afrontar os conflitos de maneira positiva, entre outros.

Na categoría masculina os equipos participantes son o CB Salesianos, CB Baiona, CB Marín, NCR Valongo, CB Seis do Nadal, CB Redondela, Estudantes de Lugo, Colexio Leonés, CB Cantaires, Porriño BB, CB Allariz, CB Cidade de Lugo, Colexio Apóstolo, Novobasket Vigo e Estudantes de Pontevedra.

Na categoría feminina serán o CB Salesianos, CB Airexa, CB Allariz, CB Porto do Son, Compañía de María, CB Miralba, Estudantes de Lugo, CB O Meco, CB Cantaires, Porriño BB, CB Cidade de Lugo, CB Seis do Nadal, Carmelitas 06, Colexio Leonés e Celta Zorka.