Sin categoría

Nigrán recibirá preto de 2.000 € da Xunta para a adquisición de novidades editoriais en galego

Un total de 152 municipios son os beneficiarios da liña de subvencións de 2017 da Secretaría Xeral de Cultura para a dotación de novidades editoriais en galego con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O Concello de Nigrán é un dos beneficiarios, cunha achega de 1.758,57 €. O importe das axudas para cada un dos concellos vai desde os 440 ata os 3.076 euros, en función do número de habitantes do municipio.

Para o desenvolvemento deste programa, a Consellería de Cultura e Educación ten habilitada unha plataforma en liña a través da cal o servizo bibliotecario municipal pode xestionar directamente a súa compra de libros, de acordo coa contía económica asignada, de entre aqueles títulos que ofrecen as empresas editoriais que participan no programa e que están accesibles en https://novidadeseditoriais.xunta.gal

Actualizar as coleccións das bibliotecas e axencias de lectura públicas, fomentar a lectura en lingua galega e reforzar os servizos bibliotecarios son os principais obxectivos desta liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Esta convocatoria compleméntase coas subvencións da Secretaría Xeral de Cultura dirixidas á mellora dos fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais para a compra de libros, de material sonoro, de videogravacións, de recursos electrónicos etc, na que se investiron este ano 350.000 euros e da que se beneficiaron 113 concellos.