O grupo Giro’s consegue un primeiro premio no 6º Trofeo de Baile Cidade de Vigo

FOTO: GIRO'S

O grupo Giro’s de Baíña e Matamá conseguiu este sábado un primeiro premio no 6º Trofeo de Baile Cidade de Vigo, que se celebra este fin de semana no Auditorio Mar de Vigo dentro do evento nacional de disciplinas de baile Vigo Porté.

A escola levou o galardón, dotado con 250 euros, na disciplina Fusión da categoría júnior. A profesora, Laura Jurado, mostrábase satisfeita e orgullosa polo esforzo das mozas, xa que este premio vén referendar o traballo de moitas sesións de baile.

O Trofeo de Baile Cidade de Vigo nace como concurso dentro do evento internacional de baile Vigo Porté celebrado no Palacio de Congresos Mar de Vigo desde o ano 2012. É unha competición de carácter aberto a todas as nacionalidades, culturas e países; así como a calquera tipo de disciplina de baile. O obxectivo deste certame, é atopar a mellor coreografía de baile tendo en conta distintos aspectos como son: Presenza Escénica, Técnica e Estilo, Tempo Música e Creatividade Musical. Dá igual a disciplina de baile (moderno, latino, clásico, contemporáneo, urbano, etc.), elíxese a mellor posta en escena.

O presidente do xurado e “buque insignia” do evento desde fai tres anos é Javier Castillo “Poty”, referencia nacional a nivel coreográfico, bailarín e presentador de TV; ademais de ser o coreógrafo dos principais eventos televisivos de baile en USA.

Para esta sexta edición, os membros do xurado son Kiko López, Alicia Aroca, Juan Polo, David Campos, Lorena Bargalló e Juan Barberá.

No certame participan máis de 1500 bailaríns e a previsión de público asistente é de máis de 1300 persoas, en cada unha das 3 categorías (infantil, júnior e absoluta), é dicir, 4000 asistentes chegados de toda España que acoden a ver competir a estes bailaríns que ofrecen un gran espectáculo para o que levan traballando desde hai moito tempo.