Este venres mediante unha comparecencia publica Gondomar Concello Aberto iniciou unha campaña por un Novo Centro de Saúde que cubra as necesidades sanitarias de atención primaria de Gondomar.
Estaban na mesa os representantes de CABE: Jimena Varela, Josué Villar, Rosa Pascual, Jesús Araujo e Pauliño del Río, acompañados pola parlamentaria Eva Solla responsable de En Marea da área de sanidade no Parlamento de Galicia.
Despois de anos de retrasos, recortes e paralización do proxecto construtivo dun novo Centro de Saúde de Gondomar con data 13 de febreiro de 2017, o DOG nº30 publica unha Resolución, da Axencia Galega de Infraestruturas, do 6 de febreiro de 2017, pola que se anuncia a licitación do Centro de Saúde de Gondomar. Orzamento base da licitación: 2.987.667,35€.
A construción do Centro levaba paralizada dende agosto do 2015, o que significou a perda dos fondos europeos para a súa construción (Fondos Feder Galicia 2007-2013).
Esta nova licitación ten un aumento de 600.000 euros con respecto ao proxectado no 2014 pero as prestacións do servizo serán as mesmas: seis consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería, un área de pediatría cunha consulta médica e outra de enfermería, así como unha consulta de matrona.
Para CABE é un centro mal dimensionado e insuficiente que nace xa cun déficit dende o seu proxecto. Está previsto para unha poboación de 10.280 usuarios, cando segundo os datos oficiais do mes de abril deste ano do padrón municipal, Gondomar ten 16.085 habitantes. É dicir un 56% máis de usuarios que os previstos no novo centro.
Na actualidade no Centro de Saúde ten 7 médicos de familia, 1 pediatra, 7 enfermeiras, 1 auxiliar de enfermería e 4 PSX/Auxiliares Administrativos e 1 Matrona.
A proposta do SERGAS para o Centro de saúde é: 6 médicos de familia (pérdese 1), 1 pediatra (igual), 6 enfermeiras (pérdese 1), 1 Auxiliar de enfermería (igual) e 2 PSX/Aux.Adm. (pérdense 2. Matrona 1 (igual).
Ademais redúcese a superficie total , sobre unha previsión de superficie construída de 1.565 m2 no proxecto do ano 2.009, pásase a unha superficie de 1.039 m2. En total se reducen 526 m2, o 33,61% do total.
Tendo en conta os estándares de consenso para este tipo de centros de atención primaria que son: Médic@s de familia 1/ por 1.250 usuarios; Pediatría 1/ por cada 800; Enfermería 1/1.250 usuarios; PSX: 1/3.500 usuarios; Matrona 1/ Servizo de atención primaria; Fisioterapeutas 1/ 10.000-15.000; e Traballador Social: 1/SAP.
A Gondomar lle corresponderían segundo estes estándares o seguinte cadro de persoal: 11 Médicos de familia, 3 pediatras, 13 de enfermería, 2 Auxiliares de enfermería e 5 PSX/Aux.Adm, 1 Matrona, 1 Traballador Social e 2 Fisioterapeutas.
Este cadro de persoal é o que vai reivindicar Gondomar Concello Aberto para o novo Centro de Saúde de Gondomar.
O pasado mes de marzo presentaron unha Moción ao Pleno da Corporación neste sentido, foi aprobado cos votos a prol de CABE e IxG, a abstención do Goberno (PSOE) e o voto en contra do PP e a non comparecencia no Pleno de MM.
“Dende Gondomar Concello Aberto iniciaremos unha campaña de recollida de sinaturas para que a veciñanza de Gondomar participe e apoie esta iniciativa polo Novo Centro de Saúde, un centro que dea resposta a toda a poboación de Gondomar”, sinala Pauliño del Río.
“Asemade iniciaremos unha xeira de charlas polas parroquias para explicar onde estamos, o que queren facer e o que deberían facer que é o que necesitamos”, engade o voceiro de CABE, que tamén anuncia que “levaremos este tema ao Parlamento. En Marea rexistrará unha iniciativa no Parlamento de Galicia nesta mesma dirección”.
“Pensamos que non se pode investir nunha infraestrutura tan importante como a atención primaria cunha merma tan importante nos servizos como a que pretenden implantar. Non se pode proxectar un Centro de Saúde que xa nace obsoleto e con déficits evidentes e comprobables”, asevera Del Río.
Un exemplo: en Gondomar hai na actualidade, e se quere seguir mantendo, 1 pediatra cunha poboación infantil de 0 a 15 anos de 2.2.12 nenos e nenas. No Concello de Nigrán hai 3 pediatras cunha poboación infantil de 2.267. En Nigrán a ratio é de 1 por cada 755 nenos, en Gondomar 1 para 2.212.
“Polo que reivindicaremos un Novo Centro de Saúde máis grande que o proxectado actualmente, que será insuficiente e non cubrirá as necesidades actuais da poboación, polo que reivindicamos 8 consultas de Medicina Xeral, 2 consultas de pediatría e 1 sala de rehabilitación. Con 11 médicos de familia, 3 pediatras, 13 enfermeiras, 2 Aux, de enfermería, 1 celador 5 PSX, 1 matrona, 1 traballador social e 2 fisioterapeutas”, conclúe o voceiro de Gondomar Concello Aberto.

