Sin categoría

Gondomar Concello Aberto esixe que se arranxe a cuberta do IES Auga da Laxe

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentará no pleno deste xoves unha moción na que busca o apoio da corporación para esixir á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que priorice, dentro das súas actuacións, unha solución ás deficiencias da cuberta do IES Auga da Laxe, ben a través do cambio da mesma ou calquera outra solución que os técnicos estimen pertinente, así como que estas obras se realicen antes do comezo do curso escolar 2017/2018.

Desde hai anos este centro de secundaria, o de máis antigüidade de Gondomar, está a soportar unha deficiencia estrutural na cuberta/tellado que está a ocasionar innumerables problemas nas actividades educativas do instituto. Hai uns anos procedeuse por parte da Consellería a solucionar este problema procedendo a botarlle unha capa de pintura impermeabilizante á cuberta, actuación que non serviu para solucionar a deficiencia.

As pingueiras do centro son habituais en canto se pon a chover e afectan entre outras dependencias, á Aula Xeral 1, corredores do 2º andar, aula de informática, e mesmo na entrada, onde no patio cuberto hai que desprazar unha mesa que usan os estudantes para non mollarse.

“Dende a Comunidade Educativa do IES enviáronse, de xeito repetitivo, escritos denunciando esta eiva e solicitando unha solución definitiva á Unidade Técnica da Consellería e está ao tanto o Xefe Territorial da mesma tamén. A Consellería de Educación non se dignou contestar a ningún dos preto dunha decena de escritos remitidos polo centro. O Consello Escolar ten tratado este tema e expresado a súa preocupación ante o retraso da solución”, sinala Pauliño del Río, Voceiro de CABE.

“Resulta evidente que a Consellaría debe resolver este problema coa seriedade e premura que non mostrou ata o de agora e que impide un desenvolvemento normal e adecuado das actividades do Centro”, conclúe Del Río.