O Concello de Baiona promocionará durante a próxima semana a Santa Casa, confraría máis antiga de Galicia e unha das de maior traxectoria e tradición de toda España, coa gravación dun documental no que se recollerá todos os actos que organiza tanto a confraría como o propio consistorio.
A “Hermandad de la Cofradía de Nuestra Señora la Madre de Dios Virgen María de la Misericordia”, máis coñecida como Santa Casa de Baiona, cumpre precisamente este 5 de abril 433 anos da súa fundación, celebrada en 1574 coa autorización expresa do Rei Felipe II. Para conmemorar o aniversario, a Concellería de Cultura encargou xa a realización dun vídeo documental.
“Queremos promover o traballo feito tanto pola confraría como o Concello dende hai moito tempo, xa que a Santa Casa é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural e relixioso”, apuntou María Iglesias. A concelleira de Cultura destaca tamén que por primeira vez na historia da Santa Casa é unha muller a que preside a confraría, Cristina Míguez.
Este xoves e venres, días 6 e 7 de abril, comeza xa o programa de actos e cultos da Semana Santa baionesa coas conferencias coresmais (21:00 horas) na Capela da Misericordia organizadas pola Adoración Nocturna en colaboración coa Santa Casa. O sábado (18:30) haberá unha misa cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas” e o domingo (12:00 horas) será o momento da Bendición de Ramos e Palmas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas para seguir en procesión ata a igrexa parroquial.
Ao longo da próxima semana, entre outros moitos actos, celebraranse a Procesión dos Pasos (Xoves Santo, 20:00 horas), o Santo Enterro (Venres Santo, 20:00 horas) e a Procesión da Dolorosa (Venres Santo, 23:00 horas), tamén coñecida como Procesión das Mulleres.
Historia da Santa Casa de Baiona
“No quinto día do mes de abril do ano do Señor de 1574, reunidos altos membros da milicia, o comercio e a sociedade da Vila de Baiona, a iniciativa do Capitán Rodrigo García, destacado militar da Guarnición de Monte Real, nacía a “Hermandad de la Cofradía de Nuestra Señora la Madre de Dios Virgen María de la Misericordia», segundo reza no documento fundacional e coa autorización expresa de S.M. o Rey Felipe II. Similar á fundada en Lisboa pola Raíña Dona Leonor, esposa do Rei de Portugal Juan II, de onde se adoptaron os seus estatutos e nome, naceu invocando a Santa Isabel, Raíña de Portugal, e a súa imaxe se conserva no retablo maior da capela.
No marco de penurias continuas que sufría Baiona pola invasión de piratas ingleses e ataques dende o Reino de Portugal, crease a Santa Casa para buscar paliativos aos problemas dos veciños de Baiona, xa que os «Hermanos Cofrades» tiñan como obrigación cumprir as Obras de Compasión, especialmente a de enterrar aos veciños mortos e a calquera forasteiro que falecera na vila.
Medalla de Ouro de Baiona en 1999
Entre os feitos destacables da historia moderna da Santa Casa destaca a concesión por parte do Concello de Baiona da «Medalla de Ouro» da Vila en 1999 en «…recoñecemento da súa importancia na historia da Vila de Baiona, os seus feitos ao servizo do pobo, súa importancia cultural, seus méritos na restauración e coidado do seu patrimonio artístico e cultural, a importancia para o sector turístico e o bo facer durante seus séculos de historia».


