Xornada dispar para os equipos do Xadrez Laroca de Nigrán

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

Tres vitorias e dúas derrotas para o Club de Xadrez Laroca de Nigrán na novena xornada da liga de xadrez, na que participa con cinco equipos.

Na primeira división, no grupo C, o Laroca A logrou a súa cuarta vitoria nesta liga por 2.5-1.5 ante o Ourense C, con vitorias de Mirella e Fran e unhas táboas de Patricio, que ascendía desde o Laroca B de segunda división. Esta vitoria afiánzaos na cuarta posición.

No grupo E da segunda división o Laroca C volveu conseguir unha importante vitoria por 0-4 ante CXF Pub Musaraña de Vilagarcía. Con este resultado sitúase no cuarto posto a 2.5 puntos da cabeza, e matematicamente fóra dos postos de descenso a falta de dúas xornadas. As vitorias foron conseguidas por Chema, Lino, Guillermo e Jorge.

Na mesma categoría o Laroca B sufriu unha derrota por 1.5-2.5 ante o conxunto tudense do Chiringo Contos Tui, con vitoria de Dani e táboas por parte de Rafa. Estes puntos valen aos laroqueiros para escalar dúas posicións e situarse sétimo.

Na terceira división disputouse a derradeira xornada da liga, con vitoria por 4-0 do IES Auga da Laxe Laroca ante o Mos C. Con esta vitoria rematan na terceira posición da clasificación. Os puntos foron conseguidos por Pablo, Hugo, Osián e Xoan Carlos, que se estreaba na liga. Por outra banda o outro representante, o Mallón Laroca, remataba a xornada cunha derrota por 2-1 ante o segundo clasificado, o Bouzas B. Os laroqueiros gañaron dúas partidas por parte de Juan e Agustín, pero recibiron unha penalización de -1 punto ao ter unha baixa de última hora e presentarse con tres xogadores. Con este punto os de Mallón rematan nun meritorio 5º posto.

Por outra banda, onte celebrouse no IES Auga da Laxe a fase final da liga de cuarta división Pontevedra Sur, na que resultou gañador o equipo de Ramiro Sabell de Ponteareas, en segundo Lugar o Apóstol de Vigo e de terceiro un dos representantes do Laroca, o equipo de promesas Mallón. O outro representante, o Promesas Auga da Laxe, rematou no sexto posto da clasificación final.

O vindeiro fin de semana suspéndese a liga por mor da celebración en Padrón dos Campionatos Galegos nas categorías de sub 8, sub 12, sub 16 e absolutos e veteranos, no que o Laroca estará representado.

CLUB DE XADREZ LAROCA
FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA