Sin categoría

O Concello de Nigrán renova o equipamento informático da biblioteca e a súa conexión a inernet

O Concello de Nigrán vén de instalar dous novos ordenadores de consulta na Biblioteca Municipal, así como unha nova impresora; ao mesmo tempo, mellorouse a conexión a internet multiplicando por 6 a súa velocidade. Os antigos equipos informáticos non cumprían correctamente coa súa función ao estar obsoletos e, ao mesmo tempo, a conexión a internet na Biblioteca aínda era con rede RDSI, o que facía moi lenta a navegación. Por este motivo, o Concello aproveitou para renovar por completo a instalación telefónica, de xeito que permitiu pasar a unha conexión ADSL que multiplica por 6 a velocidade e fai que o sistema Wi-Fi funcione correctamente (mediante outro proxecto, o Concello levará o Wi-fi gratuíto a todo o entorno). Paralelamente, adquiriuse unha nova fotocopiadora que está tamén a disposición dos usuarios.

«Somos conscientes das necesidades dunha biblioteca maior e con mellores servizos e estamos traballando nese eido, entre tanto seguimos apostando por mellorar o equipamento, mercar exemplares (553 só no pasado mes de marzo) e mesmo instaurar o horario continuo como xa fixemos ante a demanda de estudantes e opositores”, sinala o alcalde, Juan González.

A Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos.