O Auditorio Lois Tobío acollerá a VI edición de Cantares no Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Chega á súa sexta edición o Encontro de Coros Tradicionais Cantares no Miñor. Nesta ocasión terá lugar no Auditorio Lois Tobío, de Gondomar, este sábado, 8 de abril, a partir das 19:00 horas.

Este evento, organizado polo coro miñorán Cantares do Brión, coa colaboración da Concellería de Cultura de Gondomar, contará coa presenza, como invitado, do Coro Galego “Cántigas e Frores”, de Lugo, agrupación creada en 1948 coa fusión de “Cántigas e Aturuxos” e “Frores e Silveiras” e que, desde 2009, coñece un período de reactivación da súa sección coral.

Nos repertorios dos coros participantes, pezas tradicionais dos arquivos dos coros históricos e outras de nova creación, como é o caso de “Cantares do Brión”, que interpretará, case na súa totalidade, un programa a base de composicións de persoas integrantes do propio coro.

Ademais do canto, haberá baile e teatro, coa representación da “Lenda da Touba do Brión”. A entrada é de balde até completar aforo.

Cantares do Brión

O Coro galego Cantares do Brión, con sede no Centro Cultural de Vincios, posúe un repertorio a base de pezas da tradición musical galega e presta atención moi particular a novas composicións sobre poemas de autoras e autores galegos.

Entre os seus propósitos principais están a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional, sendo obxecto de atención especial e de emprego habitual o idioma galego, asumindo aquelas palabras que Valentín Paz Andrade colocara no seu libro Galicia como tarefa: «Témo-la obriga de manter a tradición cultural recibida, anovándoa e actualizándoa; de engrosar o seu caudal coas nosas voces, coa parcela de verdade por nós conquistada, co recendo do noso tempo… para transmitilo todo aos nosos fillos».

Cantares do Brión está integrado na actualidade por 56 persoas, e conta con seccións de baile e de teatro formadas integramente por coristas. Dirixe o coro desde a súa fundación Pablo Rial Salgueiro

En maio de 2014 Cantares do Brión publicou “Arruídos”, o seu primeiro disco.

Coro Galego de Cántigas e Frores

O Coro Galego de Cántigas e Frores forma parte da Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo. Esta Asociación naceu na cidade de Lugo no ano 1948 como unión de dúas agrupacións corais existentes, ”Cántigas e Aturuxos” e “Frores e Silveiras”.

Dende aquel momento e ata hoxe, a asociación inicia un longo camiño, tendo sempre por obxectivos principais o estudo, fomento, posta en valor e divulgación da cultura tradicional galega. A partires dos seus comezos, a Asociación Cultural “Cántigas e Frores” traballou de xeito continuo, respectando sempre as nosas tradicións, realizando ao longo da súa historia innumerables labores de investigación, organización de cursos, encontros de música e baile tradicional, festivais…

Aínda que a asociación naceu como Coro este deixaría a súa actividade no ano 1965, quedando en activo as outras formacións. E sería no ano 2009 cando a directiva dese momento decidiu levar a cabo a súa refundación dentro do organigrama de Cántigas e Frores.

Na actualidade o Coro está formado por 32 coristas.

O repertorio empregado ten como principal fonte as pezas herdadas dos coros fundadores de Cántigas e Frores: ‘Frores e Silveiras’ e ‘Cántigas e aturuxos’, así como o material que posúe a asociación grazas ás recollidas realizadas nos últimos anos. Sempre tendo por preferencia todo o material que corresponda á provincia de Lugo.