Nigrán celebrará a VII edición da Travesía a nado Costa Serena o 9 de xullo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Nigrán acollerá o próximo 9 de xullo a VII edición da Travesía a nado Costa Serena, en Praia América. Esta proba é a travesía de maior participación de toda Galicia e espera reunir a máis de 500 nadadores procedentes de toda Galicia, Asturias, Castela-León, Madrid e Portugal, superando a cifra alcanzada o pasado ano (475 persoas).

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte.

As inscricións poderán realizarse entre o 8 de maio e o 3 de xullo (incluído) a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web http://www.travesiaanadocostaerena.es.

A proba constará de dous percorridos, que serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 400 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido curto, cunha distancia de 800 metros, disputarase en paralelo á costa, o que abrirá a participación a numerosos bañistas, curiosos e afeccionados á práctica deste deporte. A saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que a proba longa.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 11:45 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil e kaiaks seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros).

Premios

Na proba de 800 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, daranse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

A zona de concentración dos nadadores será no Marina Estelas, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:00 horas.

Aqueles interesados en participar na travesía poderán realizar as inscricións na páxina web de Champion Chip Norte (https: http://www.championchipnorte.com) do 8 de maio ao 3 de xullo.

O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 19 euros e de 17 euros para a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo aos tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas e medallas aos tres primeiros clasificados na proba de 4.000 metros, un aperitivo no Marina Estelas, un xeado e participación no sorteo de material deportivo.

As probas dos nenos teñen un custo de 10 euros e inclúe: camiseta, gorro, avituallamento, asistencia médica, seguro de responsabilidade civil, medallas para todos os participantes e un xeado.