Iván Roade e Mari Costas, primeiros miñoráns en cruzar a meta da Vig-Bay

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Este domingo celebrouse a XVIII edición do Medio Maratón Vig-Bay. Ás 10:30 horas, os 5.000 atletas participantes partiron desde a Avenida de Samil para completar os 21.097,5 metros de percorrido ata a meta situada na Rúa Elduayen de Baiona, tras pasar por Vigo e Nigrán.

Iván Roade Lago e Mari Costas Valverde, ambos os dous do municipio de Nigrán, subíronse ao podio como primeiros miñoráns en cruzar a meta. Iván, de Priegue e integrante do club Bikila, fíxoo en novena posición, cun tempo de 1:10:27, a pouco máis de tres minutos do gañador, o portugués Nuno Costa. Pola súa banda, Mari, de Camos, da Sociedade Atlética Val Miñor, ocupou o posto 1.669 na clasificación xeral, completando o percorrido en 1:42:46.

MARI COSTAS VALVERDE NO PODIO DA VIG-BAY
FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os portugueses Nuno Costa e Clarisse María Pinho Cruz dominaron a proba proclamándose vencedores absolutos do XVIII Medio Maratón Vig-Bay, cun tempo de 1:07:51 e 1:19:49 respectivamente. O podio masculino completárono Manuel Ángel Penas Blanco (1:08:40) e Rubén Diz Díaz (1:08:46), mentres que Sandra Mosquera Losada (1:20:02) e Raquel Suárez Pedrosa (1:20:25) foron a segunda e terceira clasificada en categoría feminina.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios