Chandebrito 1807 pide amparo ao Valedor do Pobo tras cinco meses sen resposta do Concello

A Asociación Veciñal «Chandebrito 1807», rexistrada no Rexistro Municipal de Asociacións, de conformidade ao establecido na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e demais normativa vixente na materia, e ao ser esta Agrupación parte interesada nos asuntos que se citan a continuación, presentou no Rexistro municipal do Concello de Nigrán solicitudes o 04/11/2016, que reiterou o 24/02/2017, para consulta dos correspondentes expedientes, transcorrendo cinco meses sen resposta algunha.

As citadas peticións por escrito refírense aos seguintes expedientes completos, de contratos menores de obras, servizos e subministracións adxudicados polo Concello de Nigrán, na súa maioría integramente na parroquia de Chandebrito:

Nº Expte. – Denominación contrato admvo. – Adxudicat. – Impte. (€)

– 2015/035C – Reparac. elem. interpret. do patrimonio cultu. – Babadiva – 8.382,88
– 2015/116C – Sinaliz. accesible na rede de sendeiros Nigrán – Wireless G. – 21.538,00
– 2015/134C – Asfaltado en Cño. das Laxes, Chandebrito – Covsa – 28.036,41
– 2015/141C – Dirección obra asfaltado Cño. das Laxes Ingenia – 719,95
– 2016/040C – Realización novo mapa-guía de sendeiros – Ecoplanin – 2.964,50
– 2016/072C – Pavimentación de varios camiños de Nigrán – Covsa – 48.000,00
– 2016/074C – Pintado de viais no municipio de Nigrán – Sebagasa – 14.450,85
– 2016/076C – Prospección arqueolóxica concello de Nigrán – D.O.Arqueo. – 9.680,00
– 2016/084C – Submin. elem. Pque. Biosaudable en Torreiro – Novatilu – 3.448,50

(incluídos os preceptivos documentos de autorización da Consellería do Medio Rural, e do acordo da Asemblea Xeral da Comunidade de Montes de Chandebrito, ao realizarse as obras en terreos de monte propiedade desta, de natureza privada).

Polo exposto, e considerando que existe unha indefensión da veciñanza ante a administración local e que unha das funcións do Valedor do Pobo é do Control do cumprimento das obrigas de transparencia, solicitou desa Institución que se admitise a trámite esta queixa e se adopten as medidas oportunas co fin de poder acceder ao solicitado, como é de xustiza.

Igualmente, leva anos solicitando por escrito (a través do rexistro e da caixa de correo de suxestións e reclamacións da páxina web do Concello) que se realicen diversas actuacións necesarias e de competencia municipal na parroquia de Chandebrito, sen que polo momento o goberno municipal contestase algunha das peticións formuladas (se ben é certo que se executaron unhas poucas, de escasa entidade).

Tamén se comunicou a todos os grupos municipais da Corporación de Nigrán estas cuestións.