Nuno Costa e Clarisse Pinho gañan a XVIII edición do Medio Maratón Vig-Bay

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

Nuno Costa proclamouse campión absoluto do XVIII Medio Maratón Vig-Bay. Ás 10:30 horas, os 5.000 atletas participantes partían desde a Avenida de Samil para completar os 21.097,5 metros de percorrido por Vigo, Nigrán e Baiona. O portugués fíxoo en 1 hora, 7 minutos e 51 segundos, case a un minuto de Manuel Ángel Penas Branco, que cruzou a meta en segunda posición. O terceiro lugar foi para Rubén Diz Díaz, a seis segundos do arzuán.

En categoría feminina, a primeira atleta en cruzar a meta situada na Rúa Elduayen foi Clarisse María Pinho Cruz, que completou o percorrido en 1 hora, 19 minutos e 49 segundos. Catorce segundos despois chegaba Sandra Mosquera Losada, e pechando o podio, Raquel Suárez Pedrosa.

Os primeiros clasificados do Val Miñor foron Iván Roade Lago e Mª Costas Valverde.

A idea inicial deste medio maratón xurdiu como o soño persoal dun coñecido empresario e corredor popular vigués, que nos seus adestramentos adoitaba facer o percorrido pola costa; un percorrido con marcadas connotacións turísticas, paisaxísticas e sociais, nunha área que concentra a máis de trescentos mil habitantes que diariamente se desprazan entre os distintos núcleos urbanos.

A proba ten ademais significativos lazos co deporte base da zona, xa que máis dun centenar de mozos procedentes de clubs deportivos galegos realizan tarefas de apoio como voluntarios durante a organización da carreira.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.