Alberto Meira conquista a segunda praza no Rali de Noia

Non fallaron: Meira e Murado continúan destacando no Campionato Galego de Ralis, onde este pasado fin de semana protagonizaron o terceiro episodio na defensa do seu título. O Rali de Noia estaba marcado desde un primeiro momento polas difíciles condicións do asfalto, o que neutralizou dalgunha forma as vantaxes que o percorrido expuña aos coches de máis potencia, e que dalgunha forma podía xogar a favor de Meira nesta carreira fronte aos R5 dos seus principais rivais.

Alberto Meira conquistou a segunda praza final, a pesar de que na última sección levaba un bo susto cando un problema eléctrico custáballe circular a ritmo retardado polo penúltimo tramo. O problema era emendado na ligazón por piloto e copiloto, obrigándolles a empregarse a fondo na última especial, na que marcaban o mellor crono e aseguraban o resultado.

A vitoria recaía en Víctor Senra, que corría “en casa” e que a bordo dun Ford Festa R5 confirmouse como o gran rival de Meira nesta tempada, que comentaba: “Hai que felicitar a Víctor polo seu bo inicio de tempada, como tamén a Iago Caamaño, están a ser uns magníficos opoñentes, e axudan a facer mellor este campionato. Queda moita tempada e creo que nada se decidirá ata o final, porque ademais todos estamos a acabar as carreiras. Nos tres ralis celebrados houbo mal tempo, asfalto esvaradío, e foi complicado facer fronte aos R5 porque se desenvolven mellor nese terreo. Os meus pneumáticos funcionaron á perfección desde o primeiro momento, pero recoñezo que á primeira hora me faltou confianza en moitas zonas húmidas, onde non quixen arriscar demasiado e do que creo que Víctor sacou proveito”.

Meira marcou o mellor tempo en dous dos oito tramos celebrados, nun rali no que tomaron a saída 150 equipos, e que transcorreu ao longo do sábado 1 de abril.

A próxima cita do Campionato Galego será o Rali de Narón, a mediados de xuño.