Baiona iluminará de cor azul a Casa do Concello e a Virxe da Rocha durante a noite do venres e do sábado para unirse aos actos de conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.
Beatriz González, Carmen Paredes e Policarpo Vilar, concelleiros de Educación, Benestar Social e Accesibilidade, respectivamente, acordaron conxuntamente coa Federación Autismo Galicia amosar un xesto de solidariedade co colectivo de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).
Ademais da Casa do Concello de Baiona e a Virxe da Rocha, outros 21 edificios de Galicia ilumináranse de azul co obxectivo de amosar a súa solidariedade. Dende o Pazo de Raxoi, sede do concello de Santiago e as Torres Hejduck da Cidade da Cultura ata as murallas de Lugo, as Burgas de Ourense ou a Torre de Hércules na Coruña lucirán de azul durante a noite para dar visibilidade ao colectivo e incrementar o coñecemento e tolerancia cara ás persoas con autismo.
Tamén e por primeira vez concellos repartidos por toda a xeografía galega, como o de Burela, Ponteareas ou Ferrol se sumarán a #LIUB. A nivel nacional serán preto de 200 os edificios iluminados.

