Sin categoría

Aprobadas por unanimidade as bases das subvencións en Nigrán

O pleno do Concello de Nigrán celebrado este mércores aprobou por unanimidade as bases para subvencións de fomento do deporte e actividades deportivas, culturais e fomento do asociacionismo e actividades festeiras.

Estas bases foron aprobadas despois de que o pleno de xaneiro rexeitase, a iniciativa de Nigrán Decide, as propostas polo goberno, pois eran continuistas con relación ás de anos anteriores, nas que só se concedían subvencións en torno ao 30 por cento do orzado.

Despois de analizar todos os expedientes das subvencións destes dous últimos anos, Nigrán Decide chegou á conclusión de que o problema era a estrutura das bases, polo que decidiron presentar unha alternativa cunha estrutura diferente ás do goberno que, despois de varias reunións nas que todos os grupos fixeron achegas á proposta, foron consensuadas dando como resultado as bases aprobadas neste pleno.

“O grupo municipal de Nigrán Decide foi felicitado polo Alcalde polo traballo que, sen apoio administrativo, realizou para elaborar estas bases”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para engadir que “a nós, e cremos que ao goberno tamén, a veciñanza nos elixiu para cambiar e mellorar Nigrán, polo que tivemos que tomar a decisión de rexeitar as bases continuistas presentadas polo goberno e asumir o risco de presentar unha alternativa”.

As bases contan cunha nova estrutura na que se define cales son as actividades e os gastos subvencionables. Como novidade, non se limita a cantidade de actividades para as cales se poden solicitar subvencións, e as actividades veciñais e festeiras sepáranse en dúas liñas diferentes, unha para as festas propiamente ditas e outra de fomento do asociacionismo, establecendo neste último caso subvencións a gastos necesarios para desenvolver a actividade ordinaria dos colectivos como poden ser os derivados dos seguros de responsabilidade civil.

No caso das actividades deportivas, ademais de subvencionar a realización de actividades puntuais, proponse unha liña de subvencións para equipos que participen en competicións oficiais, chamada de fomento do deporte, para os gastos derivados da súa participación en ditas competicións, onde se valorará a cantidade de deportistas de cada entidade, especialmente das categorías de deporte base. Por último, nas actividades festeiras establécense unhas contías mínimas para as actividades das diferentes parroquias.