
O pleno ordinario do mes de marzo, aprobou por unanimidade de todos os grupos da Corporación a emenda presentada por UCN á moción de Nigrán Decide, relativa á Regularización catastral efectuada pola Dirección Xeral do Catastro no municipio, co obxectivo de poñer en tributación unidades urbanas que non estaban incluídas no Imposto sobre Bens Inmobles de Natureza Urbana (IBI).
UCN presentou a citada emenda porque detectou moitos erros nas altas tramitadas, e por encima os contribuíntes teñen que pagar unha taxa de tramitación de 60 euros, importe que resulta sensiblemente incrementado polos gastos de profesionais aos que teñen que recorrer os contribuíntes que mesmo poden superar os 150/200€, para corrixir os erros cometidos pola propia administración, co que están a pagar dúas veces polo mesmo traballo.
Por tal motivo a emenda presentada por UCN á proposta de acordo e aprobada, é do seguinte tenor:
“Que se proceda á anulación da Taxa de tramitación por importe de 60€ cobrada aos contribuíntes afectados, dado o deficiente traballo de campo realizado pola empresa contratada polo Catastro, xa que non incorporou debidamente a superficie nin o uso das construcións, o que está a obrigar aos contribuíntes para recorrer a profesionais para a realización de planos topográficos e fotos cun elevado custo, e cuxos traballos terían que ser realizados pola empresa contrata con cargo á taxa de tramitación”.
Fernández Comesaña, confía en que a Dirección Xeral do Catastro rectifique e proceda á anulación dos expedientes tramitados irregularmente, e por conseguinte anúlense as notificacións da Taxa por tramitación de 60€, por considerar un dobre gasto para o contribuínte por erros imputables á propia Administración.